O Concello de Lugo celebra o Día de Europa con diversas actividades na Praza Maior

LugoXa
A programación inclúe actividades para todos os públicos e combinará música, creatividade, xogos e reflexión sobre o papel da Unión Europea na nosa vida cotiá
Praza Maior Lugo Portada
9 May 2025

O Concello de Lugo convida á veciñanza a participar este venres, 9 de maio, na celebración do Día de Europa, que terá lugar na Praza Maior a partir das 16:45 horas da man do centro municipal Europe Direct Lugo.

A programación inclúe actividades para todos os públicos e combinará música, creatividade, xogos e reflexión sobre o papel da Unión Europea na nosa vida cotiá.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, será o encargado de presidir o acto institucional que se celebrará ás 17:45 horas, durante o cal se procederá á lectura do manifesto do Día de Europa e ao izado da bandeira da Unión Europea.

“Europa constrúese desde abaixo, desde cada vila e cidade. Por iso, convidamos á cidadanía a sumarse a esta celebración para poñer en valor os principios de cooperación, liberdade, paz e solidariedade que nos unen como europeos e europeas”, declarou o rexedor.

PROGRAMACIÓN

A xornada arrancará ás 16:45 horas cunha mesa informativa sobre o Día de Europa, acompañada dun obradoiro infantil de tatuaxes temporais e unha sesión DJ a cargo de Alex Mei.

A maiores, terá lugar o Concurso de Fotografía Dixital #EuropaDendeLugo, unha iniciativa coa que o Concello busca implicar á mocidade e ao público participante de maneira creativa nas redes sociais.

Neste concurso poderán participar todas as persoas que estean presentes no evento e suban unha fotografía creativa ou un selfie nas súas contas de Instagram ou Facebook, etiquetando ao @Concello de Lugo e @Europe Direct Lugo, seguindo ambos perfís e empregando o hashtag #EuropaDendeLugo.

As tres fotografías con máis “likes” ata o domingo 11 de maio ás 23:59 horas serán premiadas cun lote de merchandising oficial do Día de Europa (mochila, camiseta, bolígrafo e gorra). O luns 12 de maio farase público o nome das persoas gañadoras nas redes sociais oficiais.

Por outro lado, a partir das 18:00 horas celebrarase o xogo Desafío Europa, un reto participativo para testar os coñecementos sobre a UE dun xeito lúdico e ameno.

Como broche de ouro, ás 19:00 horas terá lugar un desfile de moda con deseñadores e deseñadoras lucenses, no que o talento local e a moda sostible e circular serán protagonistas.

⚙ Configurar cookies
0.19426512718201