O Concello de Lugo chama á prudencia nas fogueiras de San Xoán ante a alerta vermella por calor

A Alcaldía do Lugo realizou un chamamento á responsabilidade cidadá, á prudencia e ao cumprimento estrito das medidas de seguridade durante a celebración das tradicionais cacharelas e fogueiras de San Xoán, coincidindo coa situación de alerta vermella por episodio de calor decretada polos servizos de emerxencia da Xunta de Galicia.
O Concello advertiu de que as elevadas temperaturas previstas fan necesario reforzar as medidas preventivas co obxectivo de minimizar o risco de incendios e preservar a seguridade das persoas e dos bens.
Neste sentido, a administración local lembrou que deberán cumprirse de maneira rigorosa todas as condicións incluídas nas autorizacións municipais concedidas para o acendido das fogueiras. Tamén incidiu na prohibición de queimar materiais perigosos, contaminantes ou aqueles susceptibles de provocar proxeccións, explosións ou emisións tóxicas.
Así mesmo, sinalou que aquelas fogueiras que se realicen sobre pavimentos, prazas ou vías públicas pavimentadas deberán contar cunha capa previa de area ou material illante suficiente para evitar danos no firme.
Entre as recomendacións e obrigas trasladadas á veciñanza tamén se inclúe a necesidade de manter distancias de seguridade respecto de vivendas, vehículos, instalacións, masas arbóreas e outros elementos vulnerables. Do mesmo xeito, tamén deberá gardarse unha separación suficiente con respecto a liñas eléctricas, cableados de telefonía, iluminación pública ou calquera outra infraestrutura que poida verse afectada polo lume ou a calor.
O Concello lembrou ademais que as fogueiras non poden permanecer sen supervisión en ningún momento e deberán contar cos medios necesarios para facilitar a súa extinción inmediata. Recoméndase igualmente dispor de auga, mangueiras, extintores ou outros recursos de primeira intervención nas proximidades.
A administración local insistiu tamén en que, ante calquera incidencia, risco de propagación das lapas ou situación de emerxencia, deberá contactarse de inmediato co servizo de emerxencias 112.
Desde o Concello subliñaron que a celebración de San Xoán forma parte das tradicións máis arraigadas da cidade, pero lembraron que o seu desenvolvemento con normalidade dependerá da responsabilidade colectiva e do respecto ás normas de seguridade, agradecendo a colaboración da cidadanía e facendo un chamamento especial á prudencia para que a noite transcorra sen incidentes.