O Concello de Lugo comeza a roza nas parroquias

LugoXa
A Concellería de Medio Rural comeza o plan de roza polas parroquias de San Xoán de Pena, Bacurín e San Xoán do Campo
Plan Municipal Roza Lugo Miguel Fernandez
15 Xuño 2022

O Concello de Lugo inicia o plan de roza municipal na zona rural. Os traballos, que foron supervisados hoxe polo da área de Medio Rural, Miguel Fernández, contan cun orzamento de 107.064 euros e se desenvolverán ao longo dos meses de verán.

“Queremos garantir así a visibilidade e a comodidade dos condutores e acadar unha maior seguridade nos camiños e estradas de titularidade municipal, ademais de previr incendios”, segundo apuntou o edil.

Estas tarefas consisten na roza mecánica e manual da maleza polas dúas marxes, alcanzando a paseos, gabias e noiros contiguos, ben en terraplén ou en desmonte e incluso as pólas das árbores ata obter un gálibo libre que permita circular con seguridade”

A altura máxima de calquera tipo de vexetación, despois da sega, non deberá superar nunca os sete centímetros. Así mesmo, tamén se limparán de maleza os campos da festa, explanadas ou prazas que sexan públicas.

Miguel Fernández explicou que “os traballos serán realizados por un mínimo dunha ducia de operarios e 8 tractores, e utilizarase así mesmo maquinaria manual”. Comezaron esta semana de forma simultánea, en San Xoán de Pena, Bacurín e San Xoán do Campo. Na vindeira semana continuarán en Tirimol, Soñar e Bosende, para proseguir polas zonas limítrofes actuando nas estradas de titularidade municipal, concretamente na totalidade das 54 parroquias luguesas.

Estes traballos complétanse co desbroce de camiños e pistas forestais que se realiza durante todo o ano con maquinaria do Parque Móbil municipal.

0.22550082206726