O Concello de Lugo consensúa coa veciñanza a reurbanización entre Río Sil e Otero Pedrayo

LugoXa
O novo deseño inclúe unha senda peonil, zonas verdes e un cambio no esquema de circulación e estacionamento, co obxectivo de facilitar o acceso á Quinta de Pérez
Miguel-Fernandez-reurbanizacion-ruas-Rio-Sil-e-Otero-Pedrayo-Quinta-de-Perez
26 Jun 2025

O Concello de Lugo vén de presentar unha proposta consensuada de reurbanización para o tramo viario situado entre as rúas Río Sil e Otero Pedrayo, nas inmediacións da urbanización Quinta de Pérez, tras un proceso de diálogo construtivo entre o alcalde, Miguel Fernández, representantes veciñais de Paradai, a promotora dun novo edificio no número 64 da rúa Otero Pedrayo e os servizos técnicos municipais.

O proxecto, resultado deste traballo conxunto, busca mellorar a mobilidade, gañar espazo público e facilitar o acceso aos edificios residenciais da zona.

O novo deseño contempla a creación dunha senda peonil no lateral dereito do vial, ata agora sen itinerarios seguros para peóns, así como a reorganización do esquema de estacionamento para mellorar a circulación e a accesibilidade. Tamén se intervirá na pendente do tramo para facer o percorrido máis cómodo e adaptado ao tránsito peonil, e incorporaranse zonas verdes co obxectivo de mellorar a calidade ambiental e estética do barrio.

A configuración do tráfico tamén se verá modificada: o vial será de sentido único de subida desde Río Sil ata a intersección con Otero Pedrayo, pero manterase a circulación en ambos sentidos no tramo superior, co fin de garantir o acceso ao primeiro bloque da urbanización da Quinta de Pérez.

Esta solución, segundo explicou o alcalde, busca compatibilizar a funcionalidade co benestar da veciñanza, apostando por un modelo de cidade centrado na accesibilidade, a calidade urbana e a escoita activa.

Miguel Fernández agradeceu a colaboración de todos os axentes implicados e destacou que “o resultado final é un bo exemplo de como o diálogo e a planificación permiten mellorar os espazos comúns sen renunciar á funcionalidade nin á calidade urbana”.

⚙ Configurar cookies
0.18025898933411