O Concello de Lugo convida a participar no Programa Accedemos de apoio á creación de emprego

LugoXa
A iniciativa concede 450 axudas de ata 515 euros ao mes para novos contratos de traballo indefinidos ou de formación en alternancia
trabajo_internet_ordenador_recurso
Traballador
10 Xuño 2024

O Concello de Lugo fai un chamamento a todas as pequenas e medianas empresas (pemes), autónomos e entidades lucenses para que participen no Programa Accedemos, impulsado pola Fundación Mapfre e a Fundación Konecta. Esta iniciativa ten como obxectivo apoiar a creación de emprego mediante a concesión de doazóns a fondo perdido, de ata 515 euros ao mes, para custear a nómina de persoas contratadas a partir do 1 de xaneiro de 2024, durante un período de 9 meses.

O Programa Accedemos dispón dun total de 450 axudas para novos contratos de traballo indefinidos ou de formación en alternancia e o prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata a concesión total das axudas ou ata o 30 de xuño de 2024. As persoas ou entidades beneficiarias poderán acceder ás liñas de apoio económico que estarán dotadas das dúas contías mensuais. A xornada completa é de 515 euros ao mes e a parcial (mínimo 20 horas), de 310 euros ao mes.

O executivo de Paula Alvarellos e as entidades promotoras do programa comparten o obxectivo da creación de novos empregos en pequenas e medianas empresas, e facilitar a incorporación ao mercado laboral dos perfís con maiores dificultades para a súa contratación.

O Concello de Lugo considera que esta iniciativa é unha oportunidade excelente para fortalecer o tecido empresarial local, fomentar a contratación e mellorar a situación laboral de moitos cidadáns. Por iso, convida a todas as pemes, autónomos e entidades do municipio a informarse e participar neste programa.

Para obter máis información e presentar solicitudes, os interesados poden dirixirse ás páxinas web da Fundación Konecta e da Fundación Mapfre ou contactar co servizo de atención ao cidadán do Concello de Lugo.

0.15928912162781