O Concello de Lugo convoca o premio de deseño para o cartel anunciador do Arde Lvcvs 2025

LugoXa
O gañador do concurso recibirá un premio de 1.900 euros
desfile-Arde-Lucus
19 Feb 2025

O Concello de Lugo acaba de convocar o concurso para elixir o deseño do cartel anunciador da vixésimo cuarta edición do Arde Lvcvs, a festa de recreación histórica que terá lugar en xuño de 2025. O gañador do concurso recibirá un premio de 1.900 euros.

O proceso de selección do cartel será realizado en varias fases. Inicialmente, as propostas creativas, que deberán cumprir determinadas bases e especificacións, poderán presentarse ata o 24 de marzo no Rexistro Municipal. Os deseños deben ser orixinais, de formato A3 e técnica libre, e deberán reflectir o espírito da festa, facendo especial fincapé na reconstrución histórica e na volta á época da fundación de Lugo.

As bases completas do concurso, que serán publicadas na próxima semana no BOP, na Base de Datos Nacional de Subvenciones (BDNS) e nas páxinas oficiais do Arde Lvcvs e do Concello, establecen que os deseños deben incorporar elementos como a cor vermella como tonalidade dominante, e textos que fagan referencia ao evento en números romanos, á súa distinción como Festa de Interese Turístico Internacional e ás datas de celebración (12, 13, 14 e 15 de xuño). Ademais, os deseños deben representar o mundo romano e castrexo, elementos fundamentais da festa.

O proceso de selección do cartel constará dunha votación popular en liña, que se levará a cabo nas redes sociais do Arde Lvcvs. Durante unha semana, o público poderá votar os carteis que máis lle gusten, e o 50% dos deseños máis votados pasarán á segunda fase, na que serán avaliados por un xurado composto por expertos en deseño gráfico, ilustración e sectores culturais relacionados coa festa. Este xurado será o encargado de seleccionar a obra gañadora.

A Casa da Xuventude acollerá o 16 de abril, a partir das 11.00 horas, o acto de descubrimento do cartel seleccionado, que estará exposto ao público durante un mes.

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, animou ás e os lucenses a participar neste concurso, resaltando a oportunidade que supón para os artistas e deseñadores gráficos lucenses dar a coñecer o seu traballo a través dunha das festividades con maior proxección internacional da cidade.

0.12591981887817