O Concello de Lugo convoca á Xunta, á Deputación e á Protectora para pechar o convenio da Protectora

O Concello de Lugo vén de convocar unha reunión de traballo na próxima semana coa Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e a Sociedade Protectora de Animais e Plantas, co obxectivo de avanzar na sinatura e peche do convenio de financiamento para a reforma das instalacións de Muxa.
A actuación prevé a construción dun novo edificio de recepción e clínica veterinaria, unha residencia e zona de corentena para gatos, un parque de caniles sectorizado, así como melloras en áreas de servizo, almacenamento, aparcamento e a instalación de paneis solares.
O investimento global ascende a 750.000 euros, nun modelo de financiamento compartido entre administracións, no que o Concello de Lugo achegará 248.146 euros xa consignados nos orzamentos municipais.
O alcalde, Miguel Fernández, subliña a necesidade de axilizar a sinatura do acordo “para non demorar máis un proxecto de vital importancia para garantir o benestar animal no municipio e asegurar a sustentabilidade da Protectora”, insistindo en que o encontro debe servir para pechar os últimos detalles e fixar unha data para a súa formalización.
O Goberno local lembra que o proxecto de reforma e ampliación das instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo conta xa con todos os informes técnicos favorables e coa licenza urbanística necesaria, polo que está listo desde o punto de vista administrativo para a súa execución.
Fernández insiste en pechar canto antes o marco de colaboración institucional e destaca que o Concello xa dispón de todos os instrumentos necesarios para facilitar o acordo. “O obxectivo é asinar un convenio o antes posible que permita iniciar as obras e dar resposta a unha necesidade urxente”, sinala.
O alcalde pon en valor o traballo realizado polo Concello durante todo o proceso e lembra que a Protectora leva décadas realizando unha función esencial na atención de animais abandonados, polo que considera prioritario dotala de instalacións modernas e adaptadas á normativa vixente.