Lugo perde a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública en favor de Zaragoza

GaliciaXa | LugoXa
O Goberno local de Lugo considera que a cidade foi prexudicada por un proceso "político", mentres os socialistas reclaman manter a ambición para captar novos proxectos estatais
Casa-Consistorial-Concello-de-Lugo
28 Jul 2026

O Concello de Lugo expresou o seu "profundo pesar" tras coñecerse a decisión do Goberno de España de designar Zaragoza como sede da futura Axencia Estatal de Saúde Pública, deixando fóra a candidatura lucense. O executivo municipal considera que a resolución supón "un novo desprezo" para a cidade e sostén que o proceso estivo condicionado por criterios políticos e non exclusivamente técnicos.

Desde o Concello defenden que Lugo presentaba unha candidatura "rigurosa e solvente", avalada por activos como o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, o potencial investigador do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela e a Facultade de Veterinaria, así como por unha localización que, segundo destacan, respondía aos principios de cohesión territorial e equilibrio institucional defendidos polo propio Executivo central.

O Goberno local considera especialmente preocupante que a cidade perda outra oportunidade estratéxica pese a presentar unha proposta con "méritos obxectivos" e entende que esta decisión evidencia a incapacidade do PSOE lucense para facer valer os intereses de Lugo ante o Goberno de Pedro Sánchez.

O Concello insiste en que non reclamaba un trato de favor, senón que se avaliasen con rigor as fortalezas dunha candidatura construída desde o consenso institucional e baseada en capacidades científicas, universitarias e sanitarias.

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, manifestou que a elección de Zaragoza é unha decisión "que hai que respectar", aínda que recoñeceu que foi recibida "con pesar", xa que Lugo presentaba unha candidatura sólida e con argumentos de peso para albergar a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública.

Fernández destacou que a cidade dispoñía dunha proposta seria, con espazos adecuados e cun ecosistema universitario, sanitario e investigador plenamente acorde coa natureza da futura institución. Ao mesmo tempo, pediu facer unha valoración "desde a serenidade e sen caer en localismos", lembrando que Lugo competía con cidades de primeiro nivel e que chegar á fase final xa demostra a fortaleza da candidatura.

O portavoz socialista tamén puxo en valor o consenso acadado arredor da candidatura, construída sobre os recursos propios da cidade e baseada no modelo One Health, que integra a saúde humana, animal e ambiental. Neste sentido, considerou necesario coñecer con detalle os criterios empregados para seleccionar a sede definitiva e reclamou que as administracións expliquen os elementos que decantaron a decisión.

Finalmente, Miguel Fernández apelou a que Lugo non quede instalada na sensación de oportunidade perdida e avogou por aproveitar o traballo realizado para optar a futuros proxectos de carácter estatal vinculados á investigación, á saúde pública e ao ámbito científico. Ao seu xuízo, a cidade conta con universidade, talento, capacidade investigadora e un tecido sanitario que lle permiten seguir aspirando a iniciativas deste nivel.

0.1046838760376