O Concello de Lugo defende a súa promoción das festas e apunta a unha "situación herdada" do anterior goberno

LugoXa
"A situación da conta do San Froilán non condiciona a campaña de promoción, que se está desenvolvendo a través de diferentes medios e canles"
casa-consistorial-Concello-Lugo
Actualizada el 28 septiembre 2026, 09:11 horas
24 Sep 2026

O Goberno local de Lugo contestou ás críticas realizadas polo PSOE sobre unha suposta falta de promoción do San Froilán, poñendo de manifesto os feitos que demostran que a difusión das festas está xa en marcha e que se intensificará nos próximos días.

Neste contexto, o Concello considera necesario dar a coñecer tamén unha situación herdada na xestión da páxina oficial de Facebook do San Froilán, que conta con máis de 16.800 seguidores.

O 5 de maio, os servizos municipais solicitaron por escrito ao anterior Goberno o traspaso dos accesos ás redes sociais vinculadas á área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, entre elas a do San Froilán.

Na resposta recibida ao día seguinte indicouse que o persoal eventual do gabinete non xestionou en ningún momento as redes sociais (RRSS) nin as Webs, e que toda xestión se fixo a través dunha empresa que pasaba factura cada mes; os datos figuran nas propias facturas.

O Concello contactou posteriormente coa empresa sinalada e esta confirmou que non dispoñía de usuario nin contrasinal da páxina, senón dunha autorización de xestión vinculada a un perfil persoal de Facebook.

Tras detectar a situación e a retirada dos permisos de administración da páxina, o Concello presentou o 30 de agosto unha denuncia ante a Policía Nacional e iniciou as xestións necesarias para intentar recuperar o acceso.

O pasado 18 de setembro, Meta comunicou por escrito ao Concello que o escenario "é definitivo" e que "non é posible avanzar co proceso de disputa, xa que o único administrador do portafolio se encontra restrinxido".

Na mesma comunicación, Meta recoñeceu que "algunhas xestións realizadas anteriormente deixaron o portafolio empresarial sen un administrador con acceso efectivo, o que limita considerablemente as alternativas dispoñibles para recuperar ou xestionar os activos".

O Concello di que segue promocionando as festas por outras vías

Así, sosteñen que a "situación desta conta concreta non condiciona a campaña de promoción do San Froilán, que se está desenvolvendo a través de diferentes medios e canles".

O Concello mantén activas as súas contas oficiais de Instagram, X e YouTube e está a crear unha nova páxina oficial de Facebook para garantir tamén a continuidade da comunicación nesta plataforma.

O Concello considera relevante que, mentres se acusa ao actual Goberno de falta de promoción, a realidade é que a campaña está en marcha e ten previsto intensificarse nos próximos días, ao mesmo tempo que o actual Executivo está a resolver problemas de xestión herdados relacionados con ferramentas que deberían estar plenamente baixo control municipal, e incluso vese obrigado a asumir facturas de publicidade do San Froilán do ano pasado que están sen pagar.

PROGRAMACIÓN DO SAN FROILÁN 2026

0.15077710151672