O Concello de Lugo destinará máis de 35 millóns de euros á licitación de contratos de escudo social

LugoXa
Ademais, reiteran a urxencia de que a Xunta asuma as súas competencias, especialmente en áreas que impactan directamente no benestar das persoas máis vulnerables
Ana-Abelleira-Lugo
15 Apr 2025

A voceira do Goberno Local, Ana González Abelleira, anunciou que o Concello de Lugo destinará máis de 35 millóns de euros nos próximos anos á licitación de contratos de escudo social, como o Servizo de Axuda no Fogar e Xantar na Fogar, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas maiores.

Esta decisión vai ligada á denuncia do Concello de Lugo pola que lle pide á Xunta de Galicia que asuma as súas responsabilidades na xestión de competencias, especialmente en ámbitos tan sensibles como a atención ás persoas maiores e ás persoas en situación de vulnerabilidade.

As declaracións de González Abelleira veñen despois da publicación do informe do Consello de Contas, que revela que a Xunta deixou de ingresar case 100 millóns de euros aos concellos durante o ano 2023, ao mesmo tempo que se critica a escasa participación dos municipios nos fondos europeos xestionados pola Administración Galega.

A voceira do goberno municipal asegurou que moitos concellos galegos, como o de Lugo, están a sufrir unha "situación de asfixia" ao verse obrigados a asumir competencias que, segundo a lei, son responsabilidade da Xunta de Galicia. "Esta situación afecta moi directamente ás persoas, ao coidado das e dos maiores, ou á atención de lucenses en situación de vulnerabilidade", afirmou González Abelleira, quen engadiu que a Xunta debería "compensar o gasto" que están a realizar os concellos en áreas que lle corresponden á Administración Autonómica.

González Abelleira lembrou que esta non é a primeira vez que o Consello de Contas reprende á Xunta por non cumprir coas súas responsabilidades. A voceira tamén destacou que a chamada de atención, sumada ás reclamacións da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) e dos propios concellos, debería ser suficiente para que a Xunta, finalmente, asuma as súas competencias, especialmente en temas que afectan directamente ao benestar da cidadanía.

Outro aspecto destacado por González Abelleira foi a cuestión das políticas de Muller e Igualdade, competencia tamén da Xunta de Galicia, pero asumida polo Concello. Neste caso, lembrou que o orzamento destinado a esta área no ano pasado foi de 850.000 euros, e que, ademais de atender ás mulleres de Lugo, o CIM (Centro de Información á Muller) de Lugo tamén ofrece asistencia a mulleres doutros municipios lucenses. A voceira puxo en evidencia a disparidade na distribución de Centros de Información á Muller nas diferentes provincias galegas, destacando que Lugo conta con só 11 centros fronte aos 17 de Ourense, os 27 de Pontevedra e os 29 da Coruña.

O informe do Consello de Contas tamén destacou o "escaso beneficio" que os concellos galegos están a recibir da xestión dos fondos europeos asignados pola Xunta. A voceira explicou que, dos 1.475 millóns de euros ingresados á Xunta, só un 0,01% foi transferido ás entidades locais, algo que, segundo ela, evidencia a falta de xestión e inoperancia da Administración Galega neste ámbito. En contraste, González Abelleira subliñou que o Concello de Lugo está a xestionar 44 millóns de euros en fondos europeos, sendo un exemplo de boa xestión, execución e xustificación.

Deste xeito, a voceira do Goberno Local reiterou a urxencia de que a Xunta de Galicia asuma as súas competencias, especialmente en áreas que impactan directamente no benestar das persoas máis vulnerables, e que se mellore a distribución e xestión dos fondos europeos destinados aos concellos galegos.

⚙ Configurar cookies
0.17239284515381