O Concello de Lugo e a CHMS investirán máis de 2 millóns na transformación da contorna fluvial de Fermín Rivera

O Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) ultiman a sinatura do convenio para a execución do proxecto de mellora do entorno fluvial de Fermín Rivera, unha actuación estratéxica que contará cun investimento superior aos 2 millóns de euros e que permitirá incrementar a calidade de vida da veciñanza e dos usuarios deste espazo. O acordo será aprobado nas vindeiras semanas na Xunta de Goberno Local antes da súa rúbrica definitiva.
Segundo recolle o convenio, a cofinanciación da obra realizarase do seguinte xeito: a CHMS aportará o 95 % da inversión, mentres que o Concello asumirá o 5 % restante. O proxecto permitirá avanzar na recuperación ambiental, paisaxística e funcional dun espazo de gran valor urbano e natural, transformando de forma integral a contorna fluvial e mellorando a súa integración coa área residencial.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que este convenio responde a unha estratexia clara: “Recuperar os nosos ríos como espazos públicos de referencia, integrados na vida urbana, ao servizo das persoas e do desenvolvemento equilibrado da cidade. Actuacións como a de Fermín Rivera, a unión dos paseos do Miño e do Rato ou o acondicionamento da ribeira do río Rato responden a esa visión”.
Pola súa banda, o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, subliñou que se trata dun proxecto ambicioso cunha dotación económica significativa que permitirá mellorar a funcionalidade dun espazo no que o barrio da Ponte, historicamente vinculado ao río, poderá reforzar a súa relación co medio natural.
A previsión é que o proceso de adxudicación se complete ao longo da primavera de 2026, permitindo que as obras poidan comezar este mesmo ano. Tanto o Concello como a CHMS reafirman así o seu compromiso coa recuperación da contorna fluvial como espazo de convivencia, sustentabilidade e cohesión urbana.