O Concello de Lugo e a Plataforma Muro propoñen un consorcio para xestionar o futuro Museo da Romanización de Lugo

LugoXa
A reunión abordou o avance na tramitación do proxecto do Cuartel de San Fernando, mentres o PSOE reivindica o traballo do anterior Goberno municipal e critica a xestión de Elena Candia
Concello-de-Lugo-e-Plataforma-Muro
2 Sep 2026

O futuro Museo da Romanización de Lugo podería contar cun consorcio histórico-artístico e arqueolóxico para a súa xestión, unha fórmula que permitiría implicar ao Concello, á Deputación, á Xunta de Galicia e ao Ministerio na conservación, investigación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico e monumental da cidade.

A proposta foi abordada nunha reunión entre a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a Plataforma Muro, na que tamén se analizou a situación da tramitación do proxecto de rehabilitación do Cuartel de San Fernando como Centro de Interpretación e Museo para a Humanización de Galicia.

Segundo explicou a alcaldesa, o Concello recibiu o pasado 28 de xullo unha comunicación na que se informa de que o proxecto xa superou a fase de preavaliación e de comprobación da documentación esixida nas bases da subvención. O expediente continúa agora a súa tramitación ata que se adopte a resolución definitiva.

Durante o encontro, ambas as partes coincidiron en considerar o consorcio unha fórmula axeitada para organizar a futura xestión do equipamento. A Plataforma Muro trasladou como referencia os modelos existentes en cidades como Alcalá de Henares, Mérida ou Tarragona.

A entidade estaría integrada polas diferentes administracións implicadas e tería entre os seus obxectivos a cooperación económica, técnica e administrativa para a conservación, restauración, investigación e revalorización do patrimonio arqueolóxico e monumental de Lugo. Tamén se contempla a participación de voluntarios e o desenvolvemento de programas de información e sensibilización sobre o patrimonio da cidade.

O proxecto afronta así unha nova fase administrativa coa vista posta na rehabilitación do antigo cuartel e na súa conversión nun espazo destinado á divulgación da romanización de Lugo. A alcaldesa asegurou que o Concello encara este momento con prudencia, pero tamén con esperanza.

O PSOE reivindica o traballo do anterior Goberno

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, aproveitou o anuncio para reivindicar o traballo desenvolvido polo anterior Executivo, encabezado por Miguel Fernández, e acusou a Elena Candia de "apropiarse" dunha folla de ruta que, segundo afirmou, o PP non apoiou cando tivo que tomar decisións sobre o proxecto.

González Abelleira destacou entre as actuacións realizadas nos últimos anos a solicitude do 2% Cultural, as xestións ante o Goberno de España para acceder a esta vía de financiamento e, especialmente, a reserva de tres millóns de euros nos orzamentos municipais de 2026 para avanzar na creación do museo.

"É importante que os lucenses saiban a verdade: o Partido Popular de Elena Candia votou en contra dos orzamentos que reservaban tres millóns de euros para este proxecto", afirmou a edil socialista.

A portavoz do PSOE tamén lembrou as reclamacións realizadas á Xunta de Galicia para que asumise a súa responsabilidade no desenvolvemento do futuro equipamento. Neste sentido, criticou que Candia defendese anteriormente outras posibilidades para o antigo cuartel, entre elas a súa conversión nun hotel.

González Abelleira puxo igualmente o foco no patrimonio arqueolóxico que conserva Lugo, con máis de 15.000 pezas dos séculos I ao III correspondentes ao período Altoimperial. Ao seu xuízo, estes fondos permiten á cidade aspirar a converterse nun referente da romanización do noroeste peninsular.

"Temos a historia, temos o patrimonio, temos as pezas e temos un edificio excepcional. O que necesitamos é vontade política para facer realidade un proxecto que pode ter unha enorme repercusión cultural, turística e económica", sinalou.

Finalmente, a edil socialista reclamou á alcaldesa que continúe co traballo xa iniciado e que reclame á Xunta os recursos e compromisos necesarios para facer realidade o Museo da Romanización. "O Museo da Romanización non naceu con Candia. É o resultado de anos de traballo dos gobernos socialistas e, moi especialmente, do compromiso de Miguel Fernández", concluíu.

0.16633605957031