O Concello de Lugo e o CD Lugo abren unha vía de colaboración para achegar o fútbol aos escolares

LugoXa
Os nenos e nenas de Primaria poderán asistir gratis a determinados partidos do equipo acompañados dunha persoa adulta que tamén terá entrada gratuíta
Elena-Candia-e-xerentes-do-Club-Deportivo-Lugo
14 Oct 2026

O Concello de Lugo e o Club Deportivo Lugo comezan a explorar novas vías de colaboración cunha primeira iniciativa destinada a achegar o fútbol aos máis pequenos. Os nenos e nenas de Educación Primaria do municipio poderán asistir de balde a determinados partidos do equipo, acompañados dunha persoa adulta que tamén accederá ao estadio sen custo.

A medida busca que a rapazada lucense teña a oportunidade de vivir en directo a emoción dos encontros, coñecer máis de preto o seu equipo e compartir a experiencia coas súas familias. A iniciativa pretende, así, fomentar o vínculo das novas xeracións co club e achegalas á afección polo fútbol.

Esta proposta é o primeiro resultado do encontro mantido no Concello cos dirixentes do CD Lugo para abordar posibles fórmulas de colaboración entre ambas as partes.

Desde o goberno local destacan a importancia de que os máis novos medren identificados coas cores do equipo lucense, nunha relación que conecta o deporte coa vida da cidade. O lema do club, 'A forza que nos mantén', tamén mira cara ás novas xeracións que comezan a construír o seu vínculo co Lugo.

O encontro rematou cun agradecemento á disposición do club para seguir traballando conxuntamente e cun agasallo dunha camiseta oficial do Club Deportivo Lugo á alcaldesa, Elena Candia.

0.15196299552917