O Concello de Lugo e o Río Breogán unen forzas para levar o nome da cidade por Europa

LugoXa
O equipo lucense lucirá "Lugo" na parte frontal da camiseta e o logotipo municipal coa imaxe da Muralla na traseira durante a súa participación na Basketball Champions League 2026-2027
Lugo-na-Camiseta-Breogán
11 Sep 2026

O Concello de Lugo e o Río Breogán uniron as súas forzas para acompañar o conxunto celeste no seu reto europeo na Basketball Champions League (BCL) durante a tempada 2026-2027, nunha colaboración coa que a cidade estará presente na equipación do equipo ao longo da competición.

O acordo foi presentado nun acto presidido pola alcaldesa de Lugo, Elena Candia, no que tamén participaron os concelleiros Damián Carballo e Mar Carballas. Pola parte do club asistiron a presidenta, Carmen Lence; o vicepresidente; o director xeral, Salva Arco; o director deportivo, Tito Díaz; o adestrador, Luis Casimiro, e os xogadores Aranitovic, Erik Quintela, Kasibabu e Francis Alonso.

A nova equipación coa que o Río Breogán competirá na BCL levará a palabra "Lugo" na parte frontal da camiseta. Na parte traseira aparecerá o logotipo do Concello integrado coa imaxe da Muralla de Lugo, facendo visible tanto o nome da cidade como un dos seus principais símbolos patrimoniais.

Durante o encontro, Elena Candia puxo en valor a relación entre o club e a cidade e asegurou que o Río Breogán "forma parte da identidade da cidade, é moito máis ca un club deportivo".

A alcaldesa tamén destacou o significado da presenza de Lugo na vestimenta oficial do equipo durante a competición europea. "Sabíamos que Lugo ía no corazón dos xogadores, pero desta maneira irá grafiado e acompañando, dando o alento e a forza nunha competición tan importante para nós", sinalou.

Deste xeito, o Río Breogán afrontará a súa participación na Basketball Champions League como representante deportivo da cidade, levando o nome de Lugo e a imaxe da Muralla máis alá das fronteiras galegas.

0.090499877929688