O Concello de Lugo e os propietarios dos polígonos da Louzaneta alcanzan un acordo para legalizar a urbanización

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, alcanzou un acordo cos propietarios dos polígonos I e II da Louzaneta para establecer a vía que permitirá legalizar definitivamente a urbanización e acabar con máis de dez anos de incerteza xurídica que, segundo destacou, “freou o progreso e o desenvolvemento dun ámbito residencial clave para a expansión da cidade”.
A voceira municipal, Ana Abelleira, explicou que este consenso é froito dun traballo técnico e político continuado durante os últimos meses, no que o alcalde, acompañado por persoal técnico do Concello, mantivo numerosos encontros cos distintos grupos de propietarios co obxectivo de desbloquear unha situación enquistada no tempo. Grazas a este diálogo, Concello e comuneros acordaron os trámites necesarios para avanzar cara á recepción municipal dos polígonos, un paso esencial para garantir seguridade xurídica ás vivendas e permitir a súa plena normalización administrativa.
No caso do polígono I, os propietarios comprometeronse a realizar pequenos traballos de remate antes de solicitar formalmente a recepción. Cos propietarios do polígono II acordouse atender tanto as obrigas xa executadas como as pendentes, especialmente nas obras civil e eléctrica, destacando o soterramento dun tramo da rede eléctrica. Ademais, un terceiro polígono, aínda por desenvolver, mostrou disposición a adherirse ao mesmo modelo de acordo, co fin de avanzar de forma coordinada en todo o ámbito.
Miguel Fernández manifestou a súa satisfacción polo acordo, subliñando que “dar seguridade xurídica a este solo significa desbloquear investimentos, permitir que as familias vivan con tranquilidade e avanzar nun crecemento urbano ordenado e responsable”. A través de Abelleira, agradeceu o traballo dos técnicos municipais e, especialmente, a colaboración dos propietarios, que entenderon que “só desde o diálogo e a corresponsabilidade se poden resolver problemas complexos como este”.
Segundo a folla de ruta acordada, os propietarios deberán abonar nas próximas semanas a parte correspondente das obras eléctricas ás compañías Fenosa e Begasa. De forma paralela, o Concello licitará o proxecto de obra civil, coa previsión de que se execute durante o primeiro semestre de 2026, permitindo que a recepción definitiva dos polígonos se realice no terceiro trimestre do próximo ano.
O Concello sinala que, unha vez sufragado o custo das obras pendentes polos propietarios, xa se poderá conceder a primeira licenza de ocupación, aínda que algunhas actuacións dependen de terceiros, como a administración local ou as empresas eléctricas.
Abelleira destacou que “acordos como este demostran que Lugo avanza cando se aposta polo diálogo, pola responsabilidade compartida e por buscar solucións reais aos problemas da xente”, e asegurou que o Goberno local seguirá traballando para desbloquear ámbitos urbanos pendentes e garantir un desenvolvemento equilibrado e con seguridade xurídica para toda a cidade.