O Concello de Lugo esixe á Xunta a execución urxente da mellora da rúa Serra de Meira

LugoXa
O Goberno local reprocha á administración autonómica non respectar o compromiso de asumir o 100 % do custo da obra e lembra que a vía continúa deteriorándose con problemas de seguridade
Calzada-de-As-Gándaras-Plan-Paradai
2 Feb 2026

O Goberno local de Lugo instou á Xunta de Galicia a cumprir os compromisos adquiridos co Concello e a executar con carácter de máxima urxencia a mellora da rúa Serra de Meira, unha das principais vías de conexión da zona leste da cidade. A administración municipal decidiu non asinar o convenio remitido pola Xunta ao comprobar que o documento non recollía o acordo acadado o 14 de outubro, no que se establecía que o Executivo autonómico asumiría integramente o custo da actuación.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou o carácter estratéxico desta intervención no marco do Plan Paradai e lembrou que tanto o Concello como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil xa cumpriron coas súas obrigas. Segundo indicou, non existe ningún impedimento técnico nin urbanístico que xustifique novos atrasos, xa que a ampliación e mellora da rúa non require ningunha modificación do PXOM e o proxecto atopábase practicamente listo para a súa presentación.

Desde o Concello tamén se desmenten as afirmacións realizadas polo Goberno autonómico nas que se sostén que a obra non se executa porque o Concello non aprobou o convenio enviado pola Xunta, ao considerar que esa explicación non se corresponde coa realidade dos feitos.

O convenio remitido pola Consellería, ademais de chegar con atraso, non reflectía o pactado na reunión mantida o 14 de outubro de 2025 entre o alcalde de Lugo e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, na que quedara establecido que a Xunta asumiría o 100 % do custo da obra. Ese compromiso, segundo subliña o Goberno local, non figuraba no texto enviado posteriormente ao Concello.

Ante esta situación, a administración municipal comunicou formalmente á Consellería que o documento non respectaba o acordo alcanzado e solicitou a remisión dun novo convenio que se axuste ao pactado, co obxectivo de garantir a defensa dos intereses da cidade.

O Concello de Lugo mantén a súa disposición á colaboración institucional e asegura que, no momento en que o proxecto sexa presentado oficialmente, activará de inmediato toda a tramitación administrativa necesaria, incluída a posta a disposición dos terreos que a Xunta afirma precisar, para que as obras poidan comezar sen máis demoras.

O obxectivo da actuación é mellorar unha das principais vías de conexión da zona leste da cidade e ofrecer á veciñanza unha infraestrutura moderna, segura e adaptada ás necesidades actuais. Tanto o Concello como a Confederación Hidrográfica cumpriron cos seus compromisos, polo que o Goberno local considera que agora corresponde á Xunta executar a intervención comprometida.

Desde a administración municipal lembran que o atraso acumulado nesta obra resulta especialmente prexudicial, xa que a rúa Serra de Meira continúa deteriorándose e presenta problemas evidentes de seguridade e mobilidade, agravados polo paso constante de tráfico e polas condicións meteorolóxicas adversas.

Así mesmo, o Goberno local subliña que o Plan Paradai non se limita a esta actuación, xa que segue pendente a mellora da Calzada das Gándaras, outro compromiso que continuará sendo reclamado ata que se converta nunha realidade.

RESPOSTA DA XUNTA

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, insta ao Concello de Lugo a “deixar de buscar escusas” e a asinar o convenio de colaboración que permita avanzar na urbanización da rúa Serra de Meira, que se enmarca no conxunto de intervencións do Plan Paradai.

Arias desmente ao alcalde, e asegura que o texto do convenio remitido pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ao Concello lucense recolle “de xeito claro e expreso” o compromiso da Administración autonómica de financiar a totalidade do orzamento necesario para a execución destas intervencións, “que se levan a cabo nunha infraestrutura municipal”, e que ascende a máis de 1,1 millón de euros.

Para o delegado, “non é aceptable que se sigan buscando pretextos para atrasar unha obra tan necesaria e que xa ten o financiamento garantido”. Neste senso, lembra que xa, malia ter presuposto consignado para a mellora desta vía desde o ano 2018, a Xunta non a puido plantexar ata hai pouco máis dun ano debido tamén aos continuos atrasos nas obras previas que o Concello e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil debían executar no leito do río Rato para reducir o risco de inundacións.

Arias insiste en que o Goberno autonómico “cumpriu e segue a cumprir coas súas obrigas, e agora é o Concello, unha vez máis, o que está a bloquear esta actuación, de gran importancia para o barrio e para o conxunto da cidade”.

O representante autonómico urxe ao goberno municipal a asinar o acordo de colaboración entre as dúas administracións “para que se inicien canto antes as xestións” que permitan executar as obras. Lembra que, segundo o acordado nunha xuntanza celebrada o pasado mes de outubro entre representantes da Xunta e do Concello de Lugo, o Goberno galego financiará o 100% do orzamento, ademais de contratar e executar os traballos. Pola súa banda, o Concello comprométese a poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para a execución das obras; asumirá a reposición de servizos e servidumes afectados non incluídos no proxecto, e incorporará ao patrimonio público municipal as actuacións que se leven a cabo.

Arias lembra que o obxectivo da Xunta é licitar as obras no primeiro semestre de 2026 e de seguido inicialas, polo que reitera a necesidade de que o Concello asine xa o convenio para poñer a disposición da Administración autonómica os terreos necesarios para esta intervención.

Esta nova actuación do Goberno galego ten como obxectivos a mellora e a ampliación da rúa Serra de Meira, no treito comprendido entre as glorietas de Serra de Meira e da avenida Adolfo Suárez. Prevense traballos de pavimentación da calzada, a execución de novas beirarrúas, mellora da capa de rodaxe das sendas peonías, xardinería, instalación de mobiliario urbano e renovación dos servizos municipais, entre outras intervencións.

⚙ Configurar cookies
0.083881855010986