O Concello de Lugo esíxelle á Xunta que cumpra o convenio para activar o comedor do Fingoi II

LugoXa
Alexandre Penas lembra que o acordo atribúe á administración autonómica os custos de subministración eléctrica do edificio
parcela-comedor-Fingoi-II-Lugo
30 Jan 2026

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas do Concello de Lugo, Alexandre Penas, instou á Xunta de Galicia a non prolongar máis os prazos e a asumir os compromisos recollidos no convenio para que o alumnado do colexio Fingoi II poida dispoñer do servizo de comedor.

O edil pronunciouse despois de que a administración autonómica solicitase conectarse á electricidade do edificio, unha instalación que permanece mantida polo Concello, a pesar de que o texto asinado deixa claro que é a Xunta a responsábel de afrontar todos os gastos derivados do uso dos terreos cedidos, incluídos de maneira expresa os consumos que se produzan.

O acordo, subscrito entre a Consellería de Educación e o Concello de Lugo e dispoñíbel para a súa consulta na páxina web da Xunta de Galicia, delimita con precisión as obrigas de cada unha das partes. Segundo explicou Penas, desde a Tenencia de Alcaldía o Concello cumpriu co establecido e ten todo preparado para iniciar o servizo o vindeiro luns, polo que confía en que durante a fin de semana a Xunta complete a súa parte e garanta a subministración eléctrica no espazo, adoptando as medidas que considere necesarias.

Neste contexto, o pasado mércores a Xunta de Goberno Local deu luz verde á modificación do contrato dos comedores escolares, un dos últimos trámites antes de poñer en marcha o servizo destinado ás nenas e nenos do centro. A concellería de Educación levou a cabo o procedemento con seriedade e rapidez, abrindo previamente un período de preinscrición para as familias que estivo operativo entre o 8 e o 12 de xaneiro, e que concluíu cunha previsión de 24 usuarias e usuarios fixos ao mes e arredor de 14 persoas de carácter esporádico.

O Concello asumirá a prestación do servizo cun incremento do investimento municipal nos comedores escolares de 27.038,88 euros. Un desembolso que, segundo lembrou Alexandre Penas, debería ser asumido pola Xunta de Galicia, ao tratarse dunha competencia que corresponde en exclusiva á administración autonómica.

⚙ Configurar cookies
0.082488059997559