O Concello de Lugo habilita autobuses especiais para o acto de inicio do Arde Lucus na Ponte Romana

O Concello de Lugo puxo en marcha un servizo especial de autobuses destinado a facilitar o desprazamento da cidadanía ao acto de inicio do Arde Lucus, concretamente á entrada das tropas na contorna da Ponte Romana, prevista para este xoves ás 20:30 horas.
O dispositivo de transporte contará con saídas de ida programadas para as 19:30 horas desde a rúa Salvador de Madariaga, realizando unha parada na rúa Santiago, á altura do Balneario. Así mesmo, establecerase unha segunda saída ás 20:00 horas desde a mesma rúa, con parada no Paseo Álvaro Cunqueiro, co obxectivo de achegar ao público á zona do evento.
En canto ao servizo de regreso, este realizarase ás 21:45 horas con saídas desde o Pazo de Feiras e tamén desde a contorna do Balneario, tendo como destino final a Porta de Santiago. O Concello informou de que se realizarán tantas viaxes como sexan necesarias para garantir o traslado de todas as persoas asistentes.
A administración local anima á cidadanía a facer uso deste servizo especial para poder gozar con maior comodidade dun dos actos máis emblemáticos do Arde Lucus.