O Concello de Lugo impulsa a modernización do alumeado rural con máis de 260 novas luminarias

O Concello de Lugo consolidou o seu plan de modernización do alumeado público rural coa renovación de 261 luminarias en máis de trinta parroquias, cun investimento superior aos 104.000 euros e un aforro enerxético medio do 70 %. Esta actuación forma parte dun proxecto desenvolvido ao longo do último ano, enfocado en mellorar os servizos básicos no rural baixo criterios de eficiencia, sostibilidade e equilibrio territorial.
As antigas luminarias de mercurio foron substituídas por tecnoloxía LED de baixo consumo, reducindo a potencia instalada de arredor de 90 W a uns 27 W por punto de luz, o que supón un notable aforro tanto no consumo eléctrico como no gasto municipal. Ademais, a mellora da iluminación repercute directamente na seguridade viaria e peonil, especialmente en vías rurais e núcleos dispersos.
Os traballos adaptáronse ás necesidades de cada parroquia, combinando substitucións masivas, restauración de placas, elevación de puntos de luz e modernización de cableados, con melloras puntuais en núcleos máis pequenos para reforzar a iluminación existente e corrixir deficiencias detectadas no día a día.
Unha parte significativa das intervencións realizouse coa participación das brigadas municipais, encargadas da instalación de cableados, postes e proxectores, así como da mellora das liñas existentes. O alcalde, Miguel Fernández, destacou que “contar con medios propios permítenos actuar con rapidez, coñecemento do territorio e eficacia, dando resposta a moitas pequenas necesidades que son moi importantes para a veciñanza”.
Este balance reflicte a aposta do Goberno local por un modelo de mantemento e mellora continua do alumeado rural, centrado na eficiencia enerxética, a boa xestión dos recursos públicos e a igualdade de servizos entre o ámbito urbano e rural. Fernández asegurou que “seguiremos traballando nesta liña, porque gobernar tamén é coidar do cotián e garantir que vivir no rural sexa sinónimo de calidade de vida”.