O Concello de Lugo impulsa a peonalización da rúa Milagrosa con máis de 400.000 euros

O Concello de Lugo vén de adxudicar o proxecto de peonalización da rúa Milagrosa, no treito comprendido entre as rúas Mallorca e Xulia Minguillón. A intervención, que foi encargada á empresa Urbaconsa, contará cun investimento de 409.005,80 euros e dará comezo en maio, despois da celebración do Día das Letras Galegas, cun prazo de execución previsto de nove meses.
Segundo explicou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, esta actuación permitirá completar un corredor peonil que conectará a praza da Milagrosa coa praza de Bretaña, "facilitando un percorrido seguro e accesible para a veciñanza". Ademais de mellorar a mobilidade, o proxecto tamén supón unha aposta pola sostibilidade e a humanización dos espazos urbanos.
Arroxo destacou que esta intervención forma parte dun plan máis amplo de transformación urbana na zona norte da cidade, que xa inclúe a peonalización de rúas como Divina Pastora, praza de Agro do Rolo, praza da Milagrosa, parte da rúa Milagrosa ata Curros Enríquez, así como Luis Seoane e Camiño Real. “Estamos a crear unha rede de espazos peonís e fortalecendo o compromiso co modelo de mobilidade sostible”, subliñou.
O proxecto tamén contempla melloras importantes nas infraestruturas de abastecemento e drenaxe. A rede de auga será completamente renovada, substituíndo as antigas tubaxes de PVC por fundición dúctil, e instalaranse novas válvulas, bocas de rego e hidrantes. Para a drenaxe superficial, colocarase unha liña de rígola en ambas marxes da calzada, canalizando a escorrentía cara aos sumidoiros conectados á rede municipal e aos Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible (SUDS), o que permitirá reducir o volume de auga que entra no sistema.
“A zona da Milagrosa é xa un punto de encontro e dinamización social e económica do barrio, algo que se verá incrementado con este novo proxecto que ampliará este impacto positivo, facilitando a accesibilidade e a convivencia veciñal”, asegurou Arroxo.
Outros acordos da Xunta de Goberno
Na mesma sesión da Xunta de Goberno, Rubén Arroxo anunciou a apertura do procedemento de contratación para o subministro de equipos de protección individual (EPIs) destinados aos traballadores do cemiterio de San Froilán e do mercado municipal, garantindo así as condicións laborais óptimas.
Tamén se pechou o procedemento de contratación do programa de hortos educativos dirixido ao alumnado das escolas públicas e infantís municipais. O proxecto, que se desenvolverá nos meses de abril, maio e xuño, foi adxudicado á empresa Savisu Solucións SL por un importe de 12.000 euros. Inclúe unha mellora de 20 horas anuais dun monitor adicional para apoiar a nenos e nenas con diversidade funcional.
Por outra banda, adxudicouse á empresa TK Elevadores o contrato para o mantemento integral dos 44 ascensores e 14 portas automáticas dos edificios municipais. O contrato, cun ano de duración prorrogable ata cinco, suporá un investimento de 39.515,30 euros, e inclúe tanto mantemento preventivo como correctivo.
Finalmente, aprobáronse as autorizacións para a venda ambulante no Mercado da Frigsa durante o ano 2025, tras resolver as alegacións presentadas no proceso administrativo.