O Concello de Lugo impulsará un plan de choque para reducir a lista de espera do Servizo de Axuda no Fogar

O Concello de Lugo impulsará un plan de choque co obxectivo de reducir a lista de espera do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), tras unha reunión de traballo mantida pola alcaldesa, Elena Candia, e o concelleiro de Política Social, Maiores e Migración, Gustavo Díaz, co persoal do servizo e coa empresa concesionaria, Aralia, para analizar a situación actual e avanzar en novas medidas de mellora.
Na actualidade, o SAF presta atención a 636 familias en Lugo a través dun dispositivo no que traballan arredor de 200 profesionais e que constitúe un dos principais recursos de apoio ás persoas maiores e dependentes. Porén, a lista de espera mantense en 567 persoas, o que levou ao goberno local a activar este plan de choque.
A primeira medida prevista pasa por introducir melloras no contrato e incrementar o número de horas de atención dispoñibles, co fin de axilizar a incorporación de novos usuarios e priorizar os casos de maior dependencia, especialmente as persoas recoñecidas con Grao II, consideradas situacións de especial necesidade.
A actualización do prezo por hora aprobada pola Xunta de Galicia, que pasa de 12 a 16 euros, permitirá ao Concello dispoñer duns 900.000 euros adicionais ao ano, que se destinarán a reforzar o servizo e reducir progresivamente as listas de espera.
A alcaldesa destacou que a situación actual require unha resposta inmediata, ao tratarse de persoas e familias que precisan apoio diario e non poden seguir agardando, e subliñou o compromiso do goberno municipal de aproveitar todos os recursos dispoñibles para ampliar a cobertura do servizo.
Candia lembrou ademais que a mellora do Servizo de Axuda no Fogar figura entre os compromisos do proxecto de cidade do actual executivo e puxo en valor a recente actualización do financiamento autonómico por hora de servizo como unha medida clave para reforzar a atención á dependencia.
RESPOSTA DESDE O PSOE
A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, criticou con dureza o denominado “plan de choque” do Goberno local para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ao que definiu como “unha auténtica estafa política e comunicativa”, asegurando que só serve para tapar os incumprimentos da Xunta de Galicia e para facer propaganda política.
Segundo explicou, o incremento de fondos anunciado polo Executivo municipal non soluciona o problema de fondo, senón que consolida un modelo no que o Concello asume competencias autonómicas sen financiamento suficiente. Neste sentido, cualificou o anuncio da “farsa dos 900.000 euros” e advertiu de que se está a vender como éxito o que en realidade é “unha esmola insuficiente”.
A socialista lembrou que a dependencia e o SAF son competencias da Xunta e que, segundo o consenso do municipalismo galego, deben ir acompañadas de financiamento íntegro. Sostivo ademais que o Estado aumentou de forma notable as achegas, polo que cuestionou onde se están destinando eses recursos e por que non chegan nin aos concellos nin ás persoas dependentes.
Abelleira tamén puxo o foco na situación laboral do persoal do servizo, alertando de que o incremento de horas non vai acompañado de melloras nas condicións nin de reforzos de persoal. Ademais, advertiu do risco de que a reorganización anunciada poida derivar nunha maior presión sobre as traballadoras e nunha atención menos equilibrada ás persoas con maior dependencia.
Por último, criticou que Galicia siga á cola en investimento social por persoa dependente e acusou á Xunta de incumprir a planificación prevista en materia de servizos sociais. “Estamos ante un plan de propaganda electoral construído sobre medias verdades, financiamento insuficiente e silencio sobre as condicións das traballadoras”, concluíu.