O Concello de Lugo impulsará unha unidade municipal de atención temperá

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, trasladou ás familias da Plataforma En Loita a intención do Concello de solicitar á Xunta de Galicia a creación dunha unidade municipal de atención temperá, un servizo centrado na prevención, a detección precoz e a atención aos nenos e nenas que presentan dificultades no seu desenvolvemento durante os primeiros anos de vida.
A rexedora explicou que esta iniciativa responde ao obxectivo do Goberno local de fortalecer os recursos destinados ao apoio ás familias e aproveitar as convocatorias impulsadas periodicamente pola Xunta para promover este tipo de servizos nos municipios.
Durante o encontro, Candia destacou a importancia de actuar nas primeiras etapas do desenvolvemento infantil para facilitar unha intervención máis eficaz e mellorar a resposta ás necesidades dos menores e das súas familias.
A alcaldesa tamén puxo o foco na necesidade de ampliar a atención e manter o acompañamento máis aló da etapa inicial. Neste sentido, anunciou a intención do Concello de avanzar nun proxecto de atención posttemperá que permita ofrecer servizos de apoio, terapias, rehabilitación e seguimento unha vez superados os 6 anos.
Segundo indicou, moitas familias continúan precisando recursos específicos despois de finalizar a etapa de atención temperá, polo que considera necesario adaptar os servizos ás diferentes etapas de desenvolvemento dos menores.
Candia defendeu un modelo asistencial máis amplo, coordinado e próximo á cidadanía, situando ás persoas e ás súas necesidades como eixo central das políticas públicas.
Finalmente, a alcaldesa agradeceu ás familias integradas en En Loita o labor que desenvolven para dar visibilidade ás necesidades dos menores e trasladou a disposición do Concello de continuar colaborando na procura de medidas que contribúan a mellorar a calidade de vida das familias e dos seus fillos e fillas.