O Concello de Lugo inicia a licitación do contrato para difundir actividades culturais nos comercios

O Concello de Lugo abriu o procedemento de licitación do contrato destinado á difusión das actividades culturais nos distintos comercios da cidade. O tenente alcalde, Rubén Arroxo, destacou que este contrato permitirá "distribuír a cartelería das actividades culturais pola cidade, facilitando que toda a veciñanza teña coñecemento das programacións que cada ano se levan adiante desde a área de Cultura".
Arroxo explicou que "cada ano se fan centos de actividades culturais, e desde a área de Cultura establécense distintos mecanismos para que a veciñanza as coñeza e poida participar", en referencia aos diversos medios de publicación, que inclúen cartelería, paneis informativos, prensa, redes sociais e o boletín cultural editado semanalmente.
O contrato contempla o reparto de carteis e programas das programacións culturais dende a data de adxudicación ata o 31 de decembro, con posibilidade de prórroga ata un máximo de cinco anos. O prezo inicial do contrato é de 1.815 euros, IVE incluído.
Ademais, Arroxo anunciou a aprobación do cambio de posto de tres vendedores do Mercado de Frigsa, o que deixa actualmente este mercado, que se celebra os martes e venres, con tan só oito postos baleiros.
Por último, a Xunta de Goberno acordou desestimar dous recursos de reposición. Primeiro, o presentado por PRODIODO, S.L.U. relacionado co contrato de instalación dun truss motorizado e electrificado no Auditorio Gustavo Freire, ao non cumprir a empresa adxudicataria cos requisitos legais nin dispoñer dos medios necesarios, declarando nulo o contrato. Posteriormente, a empresa presentou recurso, resolto de xeito negativo. O segundo recurso desestimado foi o de WORK ON SUNDAY, S.L.U., relativo ás actividades canceladas no San Froilán 2024 debido á alerta meteorolóxica, que obrigou a paralizar as festas durante un día, pechar o recinto feiral e cancelar os concertos. A reclamación foi desestimada, coa empresa recibindo 7.830,35 euros dos 11.580,34 euros reclamados, por facturas non xustificadas.