O Concello de Lugo inicia a rehabilitación do firme da avenida Adolfo Suárez

O Goberno local aprobou na Xunta de Goberno Local o proxecto técnico para a rehabilitación do firme na Avenida Adolfo Suárez, no tramo comprendido entre a glorieta con Serra de Meira–Montero Ríos e o final do solo urbano, dando un paso decisivo na mellora dun dos principais accesos á cidade.
Esta actuación supón a terceira mellora nos principais accesos de Lugo tras a renaturalización da avenida de Madrid e a apertura, en decembro pasado, do desdobramento da avenida Infanta Elena no tramo que conecta co polígono industrial do Ceao.
A actuación aprobada enmárcase no convenio de colaboración subscrito entre o Concello e a Deputación Provincial de Lugo, co obxectivo de mellorar progresivamente esta vía. O proxecto foi redactado polos servizos técnicos da Deputación e conta con informes favorables dos Servizos Municipais de Enxeñería e Urbanismo, tanto desde o punto de vista técnico como do planeamento.
O orzamento base de licitación ascende a 200.767,71 euros e a intervención centrase na rehabilitación do firme existente mediante o fresado da capa de rodadura e a súa posterior reposición con mestura bituminosa en quente en toda a superficie de actuación, incluídas as interseccións cos viais adxacentes.
Ademais, contempla a substitución do colector unitario situado baixo a calzada por un novo colector de PVC de 400 milímetros de diámetro, cos correspondentes pozos, arquetas e acometidas, así como actuacións complementarias como o recrecido ou substitución de tapas de rexistro, a reparación de sumidoiros e a retirada puntual de fitos e sinais necesarios para executar correctamente a pavimentación.
As obras desenvolveranse integramente en solo de titularidade municipal, polo que non será necesaria a adquisición de terreos nin expropiacións. Esta intervención forma parte dunha actuación máis ampla prevista para a avenida Adolfo Suárez.
No marco do mesmo convenio está recollida unha segunda fase correspondente á urbanización do tramo comprendido entre o fin do solo urbano e a glorieta prevista no PXOM, cunha estimación económica de 608.370,52 euros segundo a memoria valorada que consta no expediente. Este segundo treito require a redacción do proxecto construtivo por parte da Deputación e, se fose preciso, do proxecto de expropiacións para obter os terreos necesarios para a súa execución. Unha vez finalizada a redacción e completada a tramitación administrativa, será sometido á aprobación correspondente.
Tras a aprobación, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que “esta actuación demostra que cando hai vontade política e cooperación institucional, os proxectos avanzan e convértense en realidades”. O rexedor subliñou que “estamos a falar dunha infraestrutura estratéxica para Lugo, que levaba tempo precisando unha intervención profunda para garantir máis seguridade, mellor mobilidade e unha imaxe urbana acorde coa cidade que queremos”.
Fernández agradeceu expresamente “a lealdade e a colaboración institucional da Deputación Provincial de Lugo, que está a permitir avanzar en investimentos necesarios”, e contrapuxo este modelo de cooperación “fronte á actitude doutras administracións que non sempre responden coa mesma dilixencia ás necesidades de Lugo”. O alcalde asegurou ademais que o Goberno local seguirá traballando “con planificación, con rigor técnico e con determinación política para completar a mellora integral desta avenida, que é ademais un dos principais accesos á cidade”.