O Concello de Lugo inicia a renovación integral do asfalto na rúa da Agricultura

LugoXa
A intervención, cun investimento de máis de 143.000 euros, mellorará a seguridade viaria nunha zona con intenso tráfico pesado
renovación-asfalto-renovación-da-rúa-da-Agricultura-Lugo
19 Feb 2026

Comezaron os traballos de renovación completa do firme na rúa da Agricultura, situada no polígono do Ceao, nunha actuación impulsada pola Tenencia de Alcaldía de Lugo. O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, sinalou que o Goberno local continúa a “traballar na mellora das áreas industriais da cidade, reservando cada ano unha partida orzamentaria relevante para garantir un mantemento axeitado destas vías”, tendo en conta o elevado volume de tráfico pesado que soportan. Segundo explicou, esta actuación permitirá reforzar a seguridade viaria nunha contorna cun tránsito intenso de vehículos de gran tonelaxe.

A obra conta cun investimento total de 143.320,20 euros e un prazo de execución estimado en 12 semanas. Os traballos foron adxudicados á empresa Francisco Gómez y Cía SL e inclúen a retirada da antiga tubaxe de fibrocemento para substituíla por unha nova condución de fundición dúctil. Ademais, renovarase a capa de rodadura mediante a aplicación de asfalto en quente, respectando a cota actual do pavimento, e procederase á actualización da sinalización horizontal.

Arroxo avanzou tamén que no 2026 a Tenencia de Alcaldía continuará a impulsar actuacións nas zonas industriais da cidade, consignando unha partida de 250.000 euros destinada ao mantemento dos viais. Ao seu xuízo, este esforzo inversor contribuirá a que máis empresas escollan os polígonos lucenses para establecer a súa actividade. O edil puxo en valor o labor desenvolvido nos últimos anos, incidindo en que todas as intervencións teñen como prioridade incrementar a seguridade viaria nestes espazos produtivos.

⚙ Configurar cookies
0.081553936004639