O Concello de Lugo inviste preto de 100.000 euros en melloras viarias no rural

O Concello de Lugo está a executar melloras viarias en distintas parroquias do rural cun investimento aproximado de 96.840 euros, co obxectivo de acondicionar preto de 6.700 metros cadrados de vías municipais mediante un tratamento asfáltico de triple capa en varios núcleos do municipio.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou os traballos no núcleo de Gude, na parroquia de Romeán, onde se aplica actualmente o tratamento sobre uns 1.400 metros cadrados. “Estas actuacións permiten manter en boas condicións as nosas vías municipais e atender as necesidades que nos traslada a veciñanza do rural, garantindo accesos máis seguros e cómodos no día a día”, destacou o rexedor.
Os traballos son realizados pola brigada rural do Concello, composta por cinco operarios, que empregan medios propios como camión gravillador, camión bituminoso, compactador e dumper, o que permite avanzar progresivamente nas diferentes parroquias segundo as necesidades detectadas.
Recentemente completouse a intervención no núcleo de Bosende, cunha actuación sobre 570 metros cadrados, e nas próximas semanas continuarán os traballos en outras parroquias como Santa Marta de Fixós, Vilachá de Mera (núcleo de Liñar), Bazar (núcleo de Tuixe), Urbanización As Neboas na parroquia de Piugos, Corvelle en Coeo, Fontao na parroquia de Esperante, así como Calde e Benade.
Estas actuacións enmárcanse na liña de traballo do Goberno local orientada a manter a rede de vías municipais en bo estado e garantir unha mobilidade segura e adecuada nas parroquias, reforzando o compromiso do Concello cun rural activo, ben comunicado e con servizos de calidade.