O Concello de Lugo levará a cabo obras de reparación urxente do pavimento na rúa San Fernando

LugoXa
A intervención, que se prolongará cinco días, obrigará a cortar a entrada e saída pola Porta de San Fernando e modificará varias liñas de autobús
lousas-levantadas-casco-histórico-rúa-San-Fernando-Lugo
17 Feb 2026

O Concello de Lugo porá en marcha este mércores 18 de febreiro un dispositivo especial de tráfico con motivo das obras de reparación urxente do pavimento na rúa San Fernando, nas proximidades da Porta de San Fernando.

A actuación, cunha duración estimada de cinco días, implicará a ocupación da calzada e a interrupción temporal do tránsito rodado tanto de acceso como de saída ao recinto amurallado por este punto.

Os traballos teñen como finalidade emendar danos detectados no firme e executaranse con cargo á garantía da obra, ao atoparse aínda dentro do período establecido para este tipo de correccións, polo que non suporán ningún custo para as arcas municipais.

Mentres duren as tarefas, o acceso para residentes e persoas usuarias do aparcadoiro da Praza do Ferrol efectuarase pola Porta de Bispo Odoario e a rúa Montevideo, mentres que a saída quedará habilitada pola rúa San Froilán e a Porta da Rúa Nova. Esta reorganización permitirá manter operativos os accesos ao centro histórico para os vehículos autorizados.

O plan contempla a instalación de sinalización específica en todos os puntos afectados, incluíndo limitacións de velocidade, restricións de xiro e indicacións de dirección obrigatoria, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e ordenar a circulación na zona. O Concello garantirá en todo momento o tránsito peonil e o acceso a vivendas, garaxes e establecementos comerciais, prestando especial atención ás persoas con mobilidade reducida.

No que atinxe ao transporte público, a empresa concesionaria adaptará temporalmente os percorridos das liñas afectadas. As liñas 9 e 12 non accederán ao casco histórico durante os días que duren as obras, mentres que as liñas 7 e 8 modificarán o seu itinerario, entrando pola rúa Bispo Odoario e Montevideo e saíndo pola Rúa Nova. Ademais, habilitarase unha parada provisional nas inmediacións da intersección entre Montevideo e a Rúa Nova para dar servizo ás persoas usuarias.

A Policía Local reforzará a súa presenza nos puntos clave do dispositivo para facilitar a circulación e velar polo cumprimento das medidas adoptadas. O Concello lembra que o acceso ao centro histórico continúa restrinxido a vehículos autorizados, como residentes, usuarios de aparcadoiros, servizos e emerxencias.

Pola súa parte, Asociación de Veciños Centro de Lugo esixe ao Concello que se lles informe de xeito directo e prioritario das actuacións previstas no seu barrio. Din que, a pesar de notificar ao Concello todas as incidencias co novo pavimento durante semanas, lamentan que "a colaboración non sexa mutua" e esixen ao Concello respecto e o dereito a que se lles informe
prioritariamente de todas estas actuacións que están a condicionar unha vez máis a vida dos residentes do Centro.

Así, esixen respecto e o dereito de saber con antelación suficiente o que se pretende facer diante das súas casas e cómo se vai solucionar de xeito definitivo o levantamento xeneralizado do novo pavimento do centro, máis aló das actuais solucións parciais e provisionais.

⚙ Configurar cookies
0.080372095108032