O Concello de Lugo licita por case 15.000 euros a elaboración do Plan de Igualdade para o persoal municipal

O Concello de Lugo publicou a licitación dun contrato menor de asistencia técnica para deseñar, elaborar e implantar o Plan de Igualdade de Oportunidades na xestión dos recursos humanos municipais. O contrato conta cun orzamento de 14.883 euros, IVE incluído, e establece un prazo estimado de execución de dez meses desde a notificación da adxudicación.
O traballo desenvolverase en varias fases. A primeira consistirá na constitución e apoio á Comisión de Negociación, coa participación do Concello e da representación sindical. Posteriormente, realizarase un diagnóstico da situación do persoal municipal desde unha perspectiva de xénero, que incluirá unha auditoría retributiva para detectar posibles diferenzas salariais.
A análise tamén abranguerá os procesos de selección, contratación e promoción profesional, a formación, a conciliación e a organización do tempo de traballo. Ademais, revisaranse as condicións laborais, a prevención de riscos con perspectiva de xénero, o uso dunha linguaxe non sexista e os protocolos fronte ao acoso sexual e por razón de sexo.
A partir dos resultados elaborarase o documento do Plan de Igualdade, que recollerá obxectivos e medidas concretas, un calendario de execución, os recursos necesarios, indicadores de seguimento e as áreas municipais responsables da súa aplicación.
O contrato inclúe tamén a creación dun sistema de seguimento e avaliación, a actualización do protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e por razón de sexo e o apoio á tramitación e inscrición do plan no rexistro público correspondente.
A elaboración deste documento figura entre os obxectivos do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Lugo, prorrogado para o período 2026-2028.