O Concello de Lugo mellora a operatividade das ITV móbiles no rural

LugoXa
Colabora coa ITV na instalación de tomas de terra nas parroquias, co obxectivo de optimizar o funcionamento das unidades móbiles de inspección técnica de vehículos
ITV-agricola
2 Feb 2025

A Área de Cohesión Territorial do Concello de Lugo está a colaborar coa ITV na instalación de tomas de terra en varias parroquias do municipio, co obxectivo de optimizar o funcionamento das unidades móbiles de inspección técnica de vehículos lixeiros e agrícolas. Esta medida permitirá garantir o cumprimento da nova normativa eléctrica, incrementando a seguridade tanto para os traballadores como para os usuarios do servizo.

As intervencións levaranse a cabo en cinco puntos do rural: Calde, Coeses, Piñeiro, Recimil e Vilachá de Mera. Nestes espazos instalaranse tomas de terra fixas, cubertas con arquetas protectoras, que facilitarán a conexión das estacións ITV móbiles sen necesidade de realizar montaxes provisionais en cada visita.

Segundo explicou a concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, "con esta iniciativa conseguimos unha mellor planificación das inspeccións no rural, asegurando condicións óptimas para o funcionamento do servizo e garantindo que as unidades móbiles poidan traballar de forma eficiente e segura".

Ademais, para facilitar o traballo do persoal da ITV, o Concello de Lugo pon á súa disposición as escolas rurais ou centros sociais máis próximos a cada punto de inspección, de maneira que os empregados poidan cambiarse e gardar os seus efectos persoais durante a xornada. "Estamos a mellorar non só a operatividade do servizo, senón tamén as condicións de traballo das persoas que fan posible que a ITV chegue ás parroquias", subliñou González Abelleira.

As ITV móbiles comezarán a operar nestas localizacións a partir de febreiro, facilitando aos veciños do rural o acceso a este servizo sen necesidade de desprazarse á cidade. "Seguimos apostando por medidas que reforcen a cohesión territorial, achegando servizos clave para a veciñanza e garantindo que o rural conte cunhas condicións axeitadas para desenvolver a súa actividade diaria", concluíu a concelleira.

0.20981597900391