O Concello de Lugo mellora a tramitación de solicitudes do 'Aprende Xogando' para o terceiro trimestre

A área de Muller, Igualdade e Inclusión de Lugo, dirixida por Ángeles Novo, modificou a tramitación das solicitudes do programa 'Aprende Xogando' co obxectivo de facilitar un mellor acceso ás prazas, a través do procedemento S015 da sede electrónica e do rexistro presencial.
Así o explicou a concelleira Ángeles Novo, coincindo coa apertura do prazo para o terceiro trimestre, que se poderá formalizar do 1 ao 5 de marzo. Estas inscricións permitirán participar no programa durante as vacacións de Semana Santa e nas tardes dos meses de abril, maio e xuño.
Ata agora, as solicitudes realizábanse por correo electrónico, pero co novo sistema búscase evitar erros e ofrecer máis canles para a petición de prazas. As solicitudes poderán facerse na Sede Electrónica do Concello, no Rexistro municipal ou en calquera dos rexistros das administracións públicas, seguindo o modelo oficial establecido.
Segundo explica Ángeles Novo, “este programa está orientado a favorecer a conciliación nos ámbitos laboral, familiar e persoal, beneficiando tanto aos menores, de entre 4 e 11 anos, como á unidade de convivencia, apoiando especialmente ás mulleres na súa participación sociolaboral e fomentando a igualdade, o respecto e a non violencia”.
O Aprende Xogando, de ámbito municipal, promove o desenvolvemento en igualdade da personalidade das nenas e nenos a través do xogo e o xoguete, fomentando actividades en grupo e xogos de animación infantil baseados na coeducación. Durante o curso escolar desenvólvese nos centros sociais Maruja Mallo e no local do Parque da Milagrosa, mentres que nas mañás do verán poderanse abrir un ou dous espazos adicionais segundo a demanda.
O programa funciona das 16.00 ás 20.30 horas en período lectivo e tamén en horario de mañá nas vacacións escolares, das 9.00 ás 14.00 horas. Para este trimestre hai 60 prazas, con cinco adicionais reservadas para urxencias ou circunstancias especiais. O prezo de participación é de 1,03 euros por xornada.