O Concello de Lugo mellora os accesos e vías en Castelo de Abaixo para reforzar a mobilidade veciñal

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou o núcleo de Castelo de Abaixo acompañado de veciños e veciñas da zona para comprobar o resultado das melloras recentemente executadas.
O edil lembrou que a Tenencia de Alcaldía levou a cabo nos últimos meses unha nova intervención destinada a optimizar os espazos públicos e garantir o bo estado dos accesos, “dentro do obxectivo do goberno de manter en condicións tanto as áreas urbanas como as periurbanas, asegurando unha boa conectividade para toda a veciñanza”.
Os traballos realizados permitiron mellorar tres viais principais do núcleo: a pista de acceso ás vivendas 60 e 61, onde se aplicou unha nova capa de rodadura con mestura en quente; a pista que conduce ás vivendas 48-52, na que se instalou unha capa de formigón; e o camiño que une Casa Outeiro con Barbaín, onde se ampliou a calzada para facilitar o tránsito de vehículos.
Penas subliñou que “desde a Tenencia de Alcaldía seguimos traballando para mellorar os espazos públicos, planificando as actuacións a partir das visitas aos barrios e das demandas veciñais”. Ademais, destacou que en cada intervención “se aplica a solución técnica máis axeitada para garantir un resultado duradeiro e de calidade”.
O responsable de Infraestruturas recordou tamén que o Goberno de Lugo executou nos últimos anos “un importante número de actuacións que permitiron que os núcleos de Castelo estean totalmente renovados, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños destas zonas periurbanas tan relevantes para o municipio”.