O Concello de Lugo organiza o VII Ciclo de Adiccións sen Substancias

O Concello de Lugo organiza o VII Ciclo de Adiccións sen Substancias, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Xuventude e o programa municipal +XTI co obxectivo de promover a reflexión e a sensibilización arredor das novas formas de adicción e dos seus efectos na sociedade.
Todas as sesións desenvolveranse ás 18:00 horas no Salón de Actos da Universidade de Santiago de Compostela, na Casa do Saber de Lugo.
A programación arrancará o xoves 21 de maio coa sesión “Escravos do invisible”. O ciclo continuará o xoves 28 de maio coa conferencia “Riscos dos adolescentes nas redes sociais”, centrada no impacto das plataformas dixitais na mocidade.
O xoves 4 de xuño abordarase a problemática do “Xogo de azar e trastorno polo xogo”, mentres que a última sesión terá lugar o xoves 11 de xuño baixo o título “Deseñados con trampas”.
Desde o Concello de Lugo destacan que este ciclo busca ofrecer información e ferramentas para comprender os riscos asociados ás adiccións sen substancias, especialmente entre a poboación máis nova.