O Concello de Lugo paga aos provedores nun prazo medio de 7,85 días

LugoXa
O Concello de Lugo logrou reducir no último trimestre de 2023, último contabilizado ata o momento, o período medio de pago a provedores de xeito considerable.
27 mar 2024

O Concello de Lugo logrou reducir no último trimestre de 2023, último contabilizado ata o momento, o período medio de pago a provedores de xeito considerable.  Así, esta media sitúase neste período moi por baixo dos 30 dias do tope establecido pola lexislación vixente. De feito, no pasado outubro, lograron situar este parámetro en 8.29 días, en novembro foi de 8,04 e en decembro descendeu ata os 7,22 días.

“Trátase dun dato positivo considerando que anualmente aboamos preto de 7.000 facturas cun importe superior aos 50 millóns de euros”, explicou o edil responsable de Recursos Internos, Pablo Permuy . Neste sentido, o edil destacou o firme compromiso do Executivo local de contribuír a dinamizar a economía local. “Temos a firme vontade de atender o máis axiña posible aos provedores, de conseguir que as nosas pequenas e medianas empresas poidan ter diñeiro liquido para atender as súas obrigas, para crecer, e así contribuír ao desenvolvemento da nosa cidade”, dixo.

No último trimestre contabilizado, o Concello realizou “o pagamento de 2.006 facturas, por un importe total de 22.839.454,78 euros. Ademais, a porcentaxe do número de facturas pagadas dentro do prazo legal increméntase e o importe total  aboado en tempo aumentou de forma salientable respecto ao trimestre anterior”, explicou o edil. Deste xeito, os datos reflicten unha mellora no procedemento de tramitación das facturas, que, así mesmo, contribuíu a unha mellora dos datos e a un cumprimento dos prazos de morosidade trimestrais; neste trimestre o período medio de pago diminuíu por debaixo do límite legal de 60 días, situándose en  58,25 días.

“Esta mellora é froito de unha optimización dos recursos internos e dun mellor funcionamento desta Administración. O que estamos a facer, simplificar procedementos e coordinar os diferentes servizos implicados para así axilizar toda a tramitación asociada a estes pagos que, por motivos de fiscalización, implica procesos moi garantistas”, concluíu o edil.