O Concello de Lugo constitúe un dispositivo de emerxencia para axudar aos veciños de Valencia

LugoXa
Ademais, o Concello de Lugo enviou un destacamento especial composto por 10 bombeiros para colaborar nas tarefas de emerxencia
Banco de Alimentos
4 Nov 2024

O Concello de Lugo pon en marcha un dispositivo de emerxencia en resposta á solicitude de axuda trasladada pola Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP) co obxectivo de canalizar a solidariedade dos lucenses e ofrecer unha vía segura para colaborar coas persoas afectadas polo temporal que afectou a Valencia.

O operativo está coordinado pola Alcaldía en colaboración coa concellería de Benestar Social e Maiores e comeza a funcionar este luns, involucrando tanto á Oficina Municipal de Voluntariado como ao Centro Social Díaz Castro.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destacou que "o Concello quere servir de canle para que todas as persoas interesadas poidan colaborar de forma segura e efectiva, ben a través do voluntariado, ben mediante a doazón de produtos de primeira necesidade."

Ao respecto, e para garantir que a axuda chegue ás persoas realmente afectadas, o Goberno local recomenda colaborar unicamente a través de organismos oficiais e evitar doazóns a empresas ou organizacións non recoñecidas, debido a que se teñen rexistrado casos de posibles estafas.

Alvarellos expresou tamén o fondo pesar do Concello de Lugo pola situación en que se atopan as persoas afectadas pola DANA. "Estamos conmovidos polo impacto desta catástrofe, e queremos expresar a nosa solidariedade con quen sufriu esta desconsoladora situación e tamén o recoñecemento aos equipos de emerxencia que están a traballar incansablemente nas zonas máis prexudicadas."

Desta maneira, informa de que hai dúas vías de colaboración: unha a través da Oficina Municipal de Voluntariado, que articulará un rexistro de voluntarios para axudar na recepción e clasificación das doazóns; e outra a través da doazón de produtos, para o que o Concello habilitará o Centro Social Díaz Castro para recibir doazóns de produtos de primeira necesidade.

Quen queira sumarse ser voluntario, poderá facelo a través do correo electrónico voluntariadolugo@lugo.gal ou presencialmente, a partir do martes, no Centro Social Uxío Novoneyra, en horario de 09.00 a 14.00 horas; e quen queira doar, poderán facelo de luns a venres, de 16.30 a 20.30 horas.

Envío de bombeiros

Ademais, o Concello de Lugo enviou un destacamento especial composto por 10 bombeiros para colaborar nas tarefas de emerxencia que ocasionou a DINA na Comunidade Valenciana, en resposta ás necesidades de recursos materiais e humanos coordinadas pola Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP). Este operativo súmase ao dispositivo xa activado en Lugo para canalizar a solidariedade cidadá, que inclúe a recepción de doazóns de produtos esenciais e a mobilización de voluntariado.

A alcaldesa, Paula Alvarellos, subliñou que “este equipo reforzará as tarefas de apoio que se están levando a cabo sobre o terreo”, nunha acción coordinada coas autoridades competentes, co obxectivo de ofrecer unha resposta efectiva á emerxencia.

A unidade de apoio enviada a Valencia está integrada por 10 bombeiros, divididos en dous equipos de 5 membros, a razón dun cabo e 4 bombeiros en cada grupo. Esta unidade leva consigo recursos materiais preparados para as condicións da emerxencia como bombas de achique – entre elas unha bomba de gran caudal, 4 bombas eléctricas e 2 de augas sucias; medios de arrastre e transporte; equipos de iluminación; equipos de auga e traxes de protección así como material de autosuficiencia como poden ser carpas, camas pregables ou esterillas para asegurar a autonomía da unidade en Valencia.

Alvarellos expresou tamén o fondo pesar do Concello de Lugo pola situación na que se atopan as persoas afectadas pola DINA e subliñou que "o Goberno local continúa traballando para canalizar de forma efectiva a solidariedade dos e das lucenses, ofrecendo medios seguros para apoiar a quen máis o necesita nestes momentos críticos."

0.1566960811615