O Concello de Lugo pon en marcha unha nova edición do programa Sábados +XTÍ

A Concellería de Xuventude do Concello de Lugo pon en marcha unha nova edición do programa Sábados +XTÍ, unha iniciativa pensada para ofrecer á mocidade lucense de entre 12 e 30 anos actividades de lecer, deporte, creatividade e sensibilización social en espazos seguros.
Durante os meses de abril, maio, xuño e xullo, distintos puntos da cidade acollerán un amplo abano de propostas deseñadas para fomentar hábitos saudables, a creatividade e a convivencia xuvenil. A programación arranca este venres 11 de abril cunha sesión de expresión artística, dramatización e xogos alternativos no Centro Cultural Uxío Novoneyra, e continuará o sábado 12 con xogos tradicionais no Parque Rosalía de Castro.
As actividades desenvolveranse todos os sábados ata o 26 de xullo, en horario de 16:30 a 21:30 horas, en espazos como o Uxío Novoneyra, o campo universitario de rugby, a Ponte Romana, o parque de Saamasas ou o paseo fluvial do Miño, entre outros. En caso de choiva, as actividades ao aire libre serán substituídas por alternativas no propio centro cultural.
O programa inclúe desde escape rooms, xogos tradicionais, xincanas e obradoiros de cociña saudable, ata deportes como rugby, flag football, slackline ou street workout, ademais de actividades artísticas como música, pintura creativa, fotografía con smartphone, rutas de interpretación, rastrexos, laser tag e unha gran festa saudable como peche do ciclo.
Todas as sesións estarán dirixidas por monitores titulados e persoal especializado, garantindo así un ambiente dinámico, divertido e seguro. A participación é gratuita, con inscrición in situ cada xornada, por orde de chegada, ata completar un máximo de 30 prazas por día.
O concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, destacou que “seguimos apostando por propostas que fomenten hábitos saudables entre a nosa mocidade, por iso animamos a todos os rapaces e rapazas a participar e a aproveitar esta oportunidade para desfrutar do deporte e do lecer en espazos seguros”.
A pasada edición superou os 400 participantes, consolidando os Sábados +XTÍ como unha das propostas xuvenís con maior acollida en Lugo. A actividade forma parte do programa +XTÍ 2025, promovido polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo, con financiamento do propio Concello e do Plan Nacional sobre Drogas.
Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a web www.lugomasxti.org ou chamar ao 982 297 837.