O Concello de Lugo porá en marcha, un ano máis, as Aulas Abertas de Nadal

LugoXa
Poñeranse a disposición das familias un total de 200 prazas, 100 por cada unha das dúas quendas previstas, con amplos horarios de actividades en centros cívicos
aulas_abertas_lugo
29 Nov 2024

O Concello de Lugo porá en marcha, un ano máis, as Aulas Abertas de Nadal, un programa que, segundo explica a concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, “ten como obxectivo prestar una opio ás familias lucenses e favorecer a súa conciliación durante o período de Nadal, axudando a compatibilizar as obrigas laborais cos días non lectivos”.

Para iso, poñeranse a disposición das familias un total de 200 prazas, 100 por cada unha das dúas quendas previstas, con amplos horarios de actividades nos centros cívicos de Paco Martín, Lamas de Prado, Fingoi, A Milagrosa e Maruja Mallo.

O prazo de inscricións estará aberto os vindeiros días 9, 10 e 11 de decembro, datas nas que se poderá solicitar, só de xeito presencial, a reserva para as dúas quendas das Aulas Abertas de Nadal.

Estas se desenvolverán os días 23, 26 e 27, nunha primeira semana, e os días 30 de decembro e 2 e 3 de xaneiro, para a segunda quenda. O prezo é de 3,09 euros e a adxudicación de praza se fará por rigorosa orde de inscrición. Esta poderase facer só de xeito presencial, en horario de 9.00 a 13.00 horas no local de María Balteira, para as Aulas Abertas no Paco Martín, e nos outros catro centros sociais citados.

A publicación do listado de admisións terá lugar o 13 de decembro, mentres que o pago da cota deberá realizarse os días 16 e 17 de decembro. O horario do programa será de 8.30 a 14.30 da mañá, con actividades didácticas e lúdicas deseñadas para nenas e nenos de 4 a 11 anos, aos que va dirixido este programa, debendo en todo caso ter os 4 anos cumpridos ou 11 anos como máximo na data de inicio da actividade solicitada.

Olga López Racamonde sinalou que “coas Aulas Abertas de Nadal e coas 200 prazas, 20 por cada centro e por cada quenda, imos dar unha cobertura de ocio ás vacacións escolares das crianzas para que poidan aproveitar este tempo de lecer. Cremos que é un servizo moi apreciado polos lucenses, non só por permitir esa conciliación, senón polas condicións económicas e de amplos horarios moi accesibles, o que permitirá a moitas familias lucenses beneficiarse deste programa”.

Ademais, como é habitual, a área de Benestar Social e Maiores reservará un número de prazas a familias en situación de vulnerabilidade derivadas dos Servizos Comunitarios Básicos, a través do pertinente informe de derivación e valoración das  técnicas responsables. Tamén haberá unha porcentaxe de prazas por cada quenda, que non superará o 20 por cento do total, para persoas con diversidade funcional ou con algunha discapacidade, co obxectivo de que estas nenas e nenos poidan beneficiarse e participar nas actividades que se van desenvolver. A discapacidade deberá acreditarse co certificado correspondente emitido polo órgano competente.

0.117103099823