O Concello de Lugo prepara a exposición ‘Fuxan os Ventos, 50 anos de historia’

O Auditorio Municipal Fuxan os Ventos acolle xa a montaxe da exposición conmemorativa Fuxan os Ventos, 50 anos de historia, unha proposta que será inaugurada en vindeiras datas coa presenza de integrantes da histórica formación musical.
A mostra ofrece un percorrido completo pola traxectoria do grupo a través de materiais documentais, obxectos e textos que permiten reconstruír a súa evolución artística e comprender o impacto cultural acadado ao longo de cinco décadas.
Durante unha visita ás instalacións, a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou que a exposición “ocupa o lugar que merece no auditorio que leva o nome do grupo”, ao tempo que puxo en valor a colaboración da propia formación para que a mostra poida permanecer na cidade máis aló da celebración do seu 50 aniversario.
A responsable municipal subliñou tamén que esta iniciativa permitirá á cidadanía “lembrar as historias destes 50 anos, as vivencias de moitas persoas, pero tamén a propia historia recente do noso país”.
Esta proposta dá continuidade ás tres actuacións especiais que Fuxan os Ventos ofreceu no mesmo auditorio en xuño de 2025, concertos que, segundo lembrou Ferreiro, estiveron marcados pola emoción e contaron cunha ampla acollida por parte do público lucense.
Con esta exposición, a Tenencia de Alcaldía reforza o seu compromiso coa posta en valor da cultura galega e co recoñecemento a figuras e colectivos que contribuíron de maneira decisiva á súa difusión.