O Concello de Lugo presenta o novo Plan de Mobilidade para avanzar cara a unha cidade máis sostible e segura

LugoXa
O plan inclúe descarbonización, peonalizacións, zonas de baixas emisións, fomento do transporte público e medidas para bicicletas e supermazás
Xunta-de-Goberno-Lugo-Plan-de-Mobilidade-25
Actualizada el 5 diciembre 2025, 11:27 horas
3 Dec 2025

O Concello de Lugo presentou o seu novo Plan de Mobilidade, aprobado na Xunta de Goberno, que consiste nunha actualización do plan existente, adaptándoo á Directiva Europea 2015/1480 e á Lei do Cambio Climático de 2020, segundo explicou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo.

Entre os obxectivos destacan o avance na descarbonización cara ao 2030, a consecución de cero emisións de CO₂ e cero mortes por atropelos ou accidentes de tráfico en zonas urbanas para 2050, así como o desenvolvemento de servizos intelixentes de mobilidade con información en tempo real dos fluxos de tráfico.

Moitas das medidas, como os itinerarios escolares, xa están en marcha, mentres se busca dar solucións ás peonalizacións previstas e á ampliación de beirarrúas nas rúas con problemas de accesibilidade ou alto fluxo peonil. Nos últimos anos mellorouse a superficie peonil nun 45 % e incrementáronse as liñas de bus, pasando a frecuencias cada 30 minutos en moitos barrios.

O plan define a zona de baixas emisións no entorno da Muralla, aposta pola electrificación do transporte público e contempla a creación das chamadas supermazás, deseñando a cidade segundo este modelo.

Entre os obxectivos do plan está reducir o uso do coche privado, aumentar os desprazamentos a pé e en transporte público, mellorar a calidade do aire e do ruído, e avanzar nunha mobilidade máis segura con medidas da chamada cidade de 15 minutos.

Tamén contempla novas peonalizacións, plataformas únicas de preferencia peonil, pasos de peóns elevados, protección de itinerarios escolares, ampliación de beirarrúas e melloras na mobilidade vertical mediante ascensores ou rampas mecánicas.

O uso da bicicleta tamén se fomenta a través de novas vías de preferencia ciclista non segregadas en zonas como Avenida da Coruña, Avenida de Madrid, San Roque, Estrada da Granxa ou Fontiñas.

O plan busca mellorar a comunicación de Fontiñas e acadar frecuencias mínimas de buses de 15 minutos en todos os barrios e puntos principais. Analízase tamén a distribución de cargas e descargas e posibles puntos loxísticos dentro do concepto de supermazás mediante sistemas de reserva intelixente.

O documento propón reducir o tráfico na Ronda da Muralla e mellorar o estacionamento, identificando déficit en zonas como A Milagrosa, A Piringalla e Fonte dos Ranchos, e estudando a ampliación de prazas próximas ás áreas residenciais. Tamén prevé cambios na dirección da Avenida da Coruña para desviar o tráfico antes de chegar á Ronda e evitar colapsos, implicando outras actuacións previstas no Plan Xeral.

Rubén Arroxo destacou que se trata dunha folla de ruta ambiciosa, con proxectos que requiren tempo pero que marcan liñas claras de traballo para unha mobilidade máis sostible, segura e accesible en Lugo.

VALORACIÓN DA OPOSICIÓN

O PP de Lugo fixo pública unha valoración moi negativa do novo Plan de Mobilidade aprobado pola Xunta de Goberno local, ao considerar que o documento confirma "o fracaso das políticas do Goberno local".

Os populares sinalan que a diagnose inicial compara os datos actuais cos do ano 2014 e revela unha caída moi destacada dos desprazamentos a pé, que pasan do 54 % ao 32 %, segundo recolle a páxina 25 do plan, o que supón reducir practicamente á metade o modo de mobilidade máis saudable. A isto engádese que só o 19 % dos desprazamentos obrigados —como os realizados por motivos laborais ou de estudo— se realizan camiñando, segundo aparece na páxina 26.

O documento tamén indica, na páxina 10, que o transporte público municipal non supera o 6 % de uso. Pola contra, o vehículo privado mantense arredor do 35 % tanto nos desprazamentos por razóns laborais como nos non obrigados. Tamén se subliña que “a maioría das liñas urbanas ten usos moi baixos”, segundo figura na páxina 56.

Os populares destacan que o propio plan recoñece a necesidade dunha reordenación completa da rede de autobuses —páxina 61—, o que, ao seu xuízo, evidencia que a reestruturacióndos últimos anos non deu resultado. A diagnose tampouco é positiva no relativo aos desprazamentos por xestións persoais ou familiares, xa que na páxina 10 se recolle que o 44,2 % destas viaxes se realizan en coche fronte ao 43,9 % que opta por modos non motorizados.

No apartado dedicado ás medidas propostas, o plan pretende reducir o uso do coche do 61 % ao 44 % —páxina 22— e enfoca parte das actuacións á restrición do acceso a determinadas rúas, á supresión de prazas de aparcamento e á ampliación do carril bici ata cuadriplicar a súa extensión actual, alcanzando 35 quilómetros fronte aos 12,2 existentes, segundo a páxina 45.

Os populares afirman que non se achegan solucións á problemática do aparcamento e que, dentro dun investimento global de 29 millóns de euros, non se destina nin un só euro á creación de novas prazas, nin sequera ás dúas propostas polo propio goberno local na Praza de Alacante e na Avenida Vilaverde.

O documento tamén contempla a instalación de 350 novos puntos de aparcamento para bicicletas, preferentemente situados na calzada —páxina 52—, decisión que, segundo o PP, volve evidenciar que "o obxectivo real é reducir o espazo destinado ao vehículo privado, complicando a vida diaria dos lucenses".

Entre as actuacións previstas inclúese recuperar a creación de supermazás, unha medida xa contemplada no primeiro Plan de Mobilidade que, segundo lembran, "permaneceu anos gardada nun caixón".

O PP tamén critica a parte económica do plan e afirma que o Concello gastou case 200.000 euros nun documento que, ao seu ver, certifica o fracaso do modelo aplicado. Segundo detallan, en quince anos investíronse 177.504,80 euros en estudos e proxectos: 120.000 euros no Plan de Mobilidade de 2014, 18.004,80 euros na actualización do PMUS en 2022 e 39.500 euros no proxecto de Zonas de Baixas Emisións elaborado en 2024.

Ademais, denuncian a falta de transparencia e participación na elaboración do plan e anuncian que impulsarán unha campaña informativa para explicar a folla de ruta prevista, achegándose ás zonas afectadas polos novos carrís bici, polas peonalizacións e polas reordenacións de tráfico.

⚙ Configurar cookies
0.19536399841309