O Concello de Lugo presenta un manual sobre a lexislación estatal para a regulación de persoas migrantes

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola edil de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, anunciaron que a Tenencia de Alcaldía vén de elaborar un manual sobre a recente lexislación estatal para a regulación de persoas migrantes. Arroxo destacou que Lugo conta cun importante número de persoas migrantes que se poderán beneficiar deste procedemento e "desde a Tenencia de Alcaldía facilitamos o acceso á información atendendo a unha necesidade real de moitas veciñas e veciños de Lugo".
O documento elaborado pola Tenencia de Alcaldía inclúe información práctica sobre prazos, requisitos e inclúe unha pequena guía práctica para iniciar o procedemento. "Trátase dun documento informativo xeral sobre o procedemento, haberá casos concretos que requiran á persoa interesada que se achegue ás instalacións da Seguridade Social para consultar a súa situación", explicou a Edil de Participación, Cristina López. Inclúe tamén unha serie de "preguntas clave" sobre a regulación posta en marcha polo Goberno do Estado.
A Tenencia de Alcaldía distribuirá esta guía á poboación interesada a través do servizo de Padrón Municipal nos vindeiros días.