O Concello de Lugo presenta unha nova edición do DeporCampus nas Gándaras

LugoXa
O programa, organizado polo RC Deportivo da Coruña e o AD Sagrado Corazón, ofrecerá formación e diversión a nenos e nenas de 6 a 14 anos entre o 22 e o 26 de xuño
Depor-Campus-Lugo-26
8 Jun 2026

O Concello de Lugo presentou unha nova edición do DeporCampus, unha actividade organizada polo RC Deportivo da Coruña en colaboración co AD Sagrado Corazón que se desenvolverá entre os días 22 e 26 de xuño nos campos de fútbol municipais das Gándaras, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

A iniciativa está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos, que poderán participar nunha semana de adestramentos e actividades lúdicas acompañados por xogadores do Real Club Deportivo, combinando aprendizaxe, deporte e diversión.

O programa ten como obxectivo o desenvolvemento das habilidades deportivas e persoais dos participantes, traballando aspectos como a coordinación a través de xogos específicos, a relación co corpo e co balón, así como os fundamentos técnico-tácticos mediante unha metodoloxía analítica.

Ademais, búscase fomentar a competición saudable e o goce do fútbol a través de partidos en diferentes formatos e espazos, promovendo ao mesmo tempo os valores asociados ao RC Deportivo, como o respecto, a solidariedade, a amizade, o xogo limpo, a integración, o esforzo e a felicidade.

As sesións incluirán circuítos coordinativos, xogos de relación co balón, exercicios de habilidade, desafíos técnicos, xogos de posición, partidos reducidos e competicións internas, nunha proposta global que combina formación e entretemento.

0.13909912109375