O Concello de Lugo promove o apego ao rural fomentando a convivencia dun cento de crianzas a través das Aulas Abertas

LugoXa
O Concello de Lugo habilitou este verán 350 horas de animación para favorecer a conciliación das familias lucenses que residen no rural.
Imaxe da alcaldesa de Lugo e a concelleira de Benestar Social nas Aulas Abertas de San Xoan do Campo I
17 Aug 2022

O Executivo de Lara Méndez, a través da área de Benestar Social, habilitou este verán 350 horas de animación para favorecer a conciliación das familias lucenses que residen no rural.

Así, ao abeiro do programa Aulas Abertas, un cento de crianzas das parroquias de Calde, Soñar, Santiago de Saa, Santa Comba, Pías, O Burgo e San Xoan do Campo gozan estes meses dun tempo de convivencia que tamén está a servir para fornecer as redes veciñais e sacar partido ás dependencias municipais coas que contan na súa contorna.

“Recuperamos as antigas escolas unitarias e os centros de convivencia dos núcleos e enchémolas de vida novamente, poñéndoas ao servizo das e dos residentes ao tempo que ofrecemos unha opción segura para compatibilizar a xornada laboral coas vacacións estivais, achegando un entremento lúdico e didáctico para os máis pequenos e pequenas da casa”, sinalou Lara Méndez.

A alcaldesa e a concelleira de Benestar Social, área que impulsa esta iniciativa, visitaron dúas destas Aulas Abertas para coñecer in situ o seu desenvolvemento e compartir coa rapazada momentos de xogo e divertimento.

“É, sen dúbida, a mellor das maneiras de fomentar o apego polo rural e o arraigamento: a través da querenza aos lugares de orixe como un factor clave que propiciará despois o asentamento de poboación neles”, incidiu a rexedora.

Méndez explicou que, trala pandemia, “a reapertura dos centros de convivencia permítenos empregalos para obter unha dobre finalidade. Primeiramente dar un servizo moi estimado á cidadanía, que é o de poder compaxinar as obrigas profesionais co tempo de lecer que nosos fillos e fillas teñen nesta época, achegando unha alternativa de ocio que favoreza a socialización entre iguais. Mais tamén aproveitar estas xornadas para a aprendizaxe, a promoción de valores de coidado á natureza e de sentimento de pertenza a un lugar que, co paso dos anos, será unha fonte de bos recordos e fermosas vivencias. Esto sen esquecer que a utilización das instalacións posibilita tamén unha mellor conservación das mesmas, adquirindo un protagonismo para a veciñanza que incita ao coidado colectivo”, sinalou a alcaldesa.

Pola súa parte, a edil Olga López Racamonde, indicou alén que, “a través desta prestación, que tamén se desenvolve nos centros de convivencia da capital, ao redor de 600 familias atoparon no Concello unha solución de conciliación este verán. E debido á eliminación das restricións de aforo que impuxo a Covid no seu día, puidemos incrementar a oferta municipal de dinamización infantil no municipio, tan necesaria nun período prolongado de lecer como son os meses estivais”.

A concellería de Benestar, Inclusión e Maiores lembrou que esta área promove ademais outras actividades para a terceira idade en prol do coidado da súa saúde e para evitar o seu illamento social, dentro da estratexia 8 – 80.

“Abordamos así un dos principais eixos das nosas políticas sociais como é velar pola calidade de vida de toda a poboación, en todas as franxas de idade pero especialmente naquelas que resultan máis vulnerables como son os e as menores e as persoas maiores de 65 anos”, concluíu López Racamonde.

0.16990613937378