O Concello de Lugo promove o uso do galego nos comercios con carteis de rebaixas
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que a Tenencia de Alcaldía repartiu nos comercios da cidade unha serie de carteis en galego para anunciar as rebaixas.
Esta iniciativa, integrada nas medidas da Alianza Lugo pola Lingua impulsada polo Concello, ten como obxectivo "visibilizar que a nosa lingua pode usarse en calquera ámbito e animar á veciñanza a falar en galego", explicou Ferreiro.
A edil destacou a necesidade de reverter a preocupante situación que vive o galego, indicando que, segundo os últimos datos, un de cada tres menores apenas sabe galego e só o 7 % dos nenos e nenas de entre 5 e 14 anos o falan sempre.
"Catorce anos despois do decreto antigalego do PP, cunha xeración educada integramente baixo esa normativa, estamos vendo como os máis novos están a perder a capacidade de empregar a nosa lingua", lamentou Ferreiro.
Neste contexto, a concelleira presentou ás asociacións e colectivos un decálogo de medidas básicas para promover o uso do galego e garantir a súa preservación. "É imprescindible tomar accións reais e inmediatas para reverter esta situación crítica", concluíu.