O Concello de Lugo propón a calistenia para fomentar un lecer sen drogas
A concellería de Xuventude do Concello de Lugo pon en marcha unha acción deportiva incluída no programa ‘+Xti’, impulsado polo Executivo de Lara Méndez e que subvenciona o Plan Nacional sobre Droga, co obxectivo de “fomentar o deporte e o lecer saudable entre a mocidade, porque a práctica de actividades deportivas é clave na prevención contra as drogas”, sostén o concelleiro, Mauricio Repetto.
As actividades desenvolveranse do 27 ao 29 de xullo, de 11:30 a 13:30 horas, na zona de barras de calistenia do Parque Rosalía. Está dirixida á mocidade de entre 12 e 35 anos. En caso de choiva, a actividade trasladarase ás instalacións do colectivo Gravitty (na rúa Ramiro Rueda 19 baixo).
A inscrición será gratuíta e realizarase na propia actividade. Estableceranse dous grupos, xa que “pode vir xente con nocións e certa condición física capaces de practicar a calistenia, pero tamén mocidade con menos práctica, coa que se traballarán exercicios máis básicos centrados no acondicionamento físico, no medio natural”, sinala o edil.
A calistenia é un sistema de adestramento con exercicios que se realizan co propio peso corporal. O propio corpo é o que exerce como resistencia, traballando así tanto a forza como a capacidade cardiovascular.