O Concello de Lugo propón investimentos de máis de 630.000 euros no rural

O Goberno local de Lugo levará ao Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2026 unha proposta de investimentos que supera os 630.000 euros, coa finalidade de avanzar na mellora de servizos básicos e infraestruturas no rural lucense.
As actuacións propostas forman parte dun traballo máis amplo que o Concello vén desenvolvendo de maneira continua nas parroquias rurais, tanto con medios propios como a través doutros programas e investimentos, co obxectivo de complementar a planificación xeral e dar resposta a necesidades específicas detectadas no territorio.
Unha das actuacións destacadas é a dotación de abastecemento de auga potable á parroquia de San Martiño de Ombreiro, cun investimento superior aos 272.000 euros. A intervención contempla a execución dun novo tramo de rede que permitirá dar servizo a varias vivendas da parroquia, mellorando a calidade e fiabilidade do subministro mediante unha infraestrutura adaptada a un entorno rural con edificacións dispersas.
No ámbito da mellora das infraestruturas viarias, o Concello propón diversas actuacións de acondicionamento e pavimentación de camiños rurais en varias parroquias. Entre elas inclúese o Camiño da Croa, no treito que comunica os lugares de Toiriz e Casas Novas na parroquia de Piúgos, así como a mellora de camiños no lugar de Taboelle, na parroquia de Orbazai.
Tamén se prevé o acondicionamento do camiño que comunica o Concello de Outeiro de Rei coa N-640 polas proximidades do lugar dos Silgueiros, na parroquia de Teixeiro, así como a mellora do camiño que enlaza os lugares de Portoganoi, Verín e Pacios, na parroquia de San Xoán do Campo.
A relación complétase coa mellora dos camiños que comunican os lugares do Burgo e do Canedo, na parroquia do Burgo, e coa intervención no viario do núcleo rural de Astariz e arredores, na parroquia do Veral. Estas obras inclúen limpeza de cunetas, mellora do firme, drenaxe e colocación da sinalización necesaria para garantir a seguridade e funcionalidade dos viais.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, explicou que “o Plan Deputación permítenos avanzar con maior axilidade en proxectos que xa están definidos a nivel técnico e que son necesarios para mellorar servizos e infraestruturas no rural”. Engadiu que “estas propostas intégranse nunha estratexia máis ampla, xa que o Concello segue a actuar de maneira permanente nas parroquias con medios propios e con intervencións ao longo de todo o ano”.
Miguel Fernández sinalou que “a selección destas actuacións responde a criterios técnicos e ás necesidades detectadas nas parroquias, dentro dun traballo continuo que o Concello vén desenvolvendo no rural”. Engadiu que “o obxectivo é combinar planificación, investimento e coordinación institucional para mellorar progresivamente os servizos públicos e as infraestruturas, ao tempo que se dá resposta ás demandas da veciñanza”.