O Concello de Lugo reactiva a Mesa de Comercio e constitúe o novo Comité de Dirección do PAI Novo Norte

A Xunta de Goberno Local aprobou a constitución da Mesa Local de Comercio de Lugo, que actuará como órgano consultivo e de coordinación para o fomento do sector comercial e a protección das persoas consumidoras.
Segundo consta, a última sesión deste órgano celebrouse en novembro de 2021, polo que o actual goberno local promoverá a súa reactivación coa convocatoria da sesión constitutiva prevista para o vindeiro 9 de xuño. A Mesa contará coa participación da Federación de Comercio, a Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Lugo Monumental, FACUA e representantes dos grupos municipais da corporación.
No ámbito da rehabilitación urbana, a Xunta de Goberno Local resolveu favorablemente a solicitude dunha bonificación fiscal vinculada á rehabilitación integral dun inmoble situado na rúa da Cruz. A actuación permitiu recuperar un edificio destinado a catro vivendas e un local comercial, cumprindo os requisitos establecidos para acceder ás bonificacións previstas no ámbito do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI).
O acordo contempla a aplicación dunha bonificación do 50 % no ICIO e na taxa urbanística, así como a devolución de 7.831,83 euros ao promotor, ademais dos xuros correspondentes. Desde o goberno local destacan que este tipo de incentivos contribúen a favorecer a recuperación e rehabilitación de inmobles no centro histórico, promovendo a conservación do patrimonio edificado.
A sesión abordou tamén a adxudicación da concesión para a explotación da cafetería do Miradoiro do Parque Rosalía de Castro. O procedemento, ao que concorreron dúas ofertas, rematou coa adxudicación a Aigor Romo Rodríguez por un canon de 1.650 euros mensuais, o que supón un ingreso anual para o Concello de 19.800 euros. A concesión terá unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de prórroga ata un máximo de dez.
NOVO COMITÉ DE DIRECCIÓN DO PAI NOVO NORTE
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, presidiu a constitución do novo Comité de Dirección do PAI Novo Norte, o órgano encargado de adoptar as decisións estratéxicas para o desenvolvemento deste plan financiado con fondos europeos.
Durante a reunión realizouse unha análise da situación actual dos proxectos e fixáronse as principais prioridades do novo goberno municipal, centradas en mellorar o abastecemento de auga nos polígonos industriais, avanzar na accesibilidade e na conexión entre a estación intermodal e o centro da cidade, así como impulsar actuacións de mellora en instalacións municipais e espazos públicos.
Desde o goberno local destacan que o obxectivo é orientar os fondos europeos cara a proxectos que dean resposta a necesidades reais da cidade, melloren os servizos públicos e contribúan a facer de Lugo unha cidade máis competitiva, accesible e preparada para o futuro.
O proxecto Novo Norte foi presentado polo anterior goberno local formado por PSOE e BNG, durante a etapa na Alcaldía de Paula Alvarellos, e inclúe actuacións de modernización urbana, mellora da accesibilidade, fomento da sustentabilidade e reforzo da mobilidade, ademais de integrar barrios tradicionalmente illados pola vía do tren como As Gándaras, o Sagrado Corazón ou Paradai cara a unha cidade máis cohesionada.
Daquela, o concelleiro Mauricio Repetto subliñara que as actuacións clave incluían a transformación da Avenida da Coruña e a mellora dos accesos á intermodal, co obxectivo de facilitar a conexión co casco histórico e coa nova estación. Tamén destacara que estes fondos “non son simplemente diñeiro, senón unha senda financeira” que pode ampliarse se a execución é rigorosa.
Agora, o goberno municipal deberá decidir en que se invisten os 8.730.304 euros procedentes de fondos europeos obtidos na etapa do anterior executivo.