O Concello de Lugo realizará actuacións na rúa Fermín Rivera durante varios días de xaneiro

LugoXa
As actuacións realizaranse os días 14, 15 e 16 de xaneiro como paso previo ás obras de mellora integral previstas para este ano
saneamento-rúa-Fermín-Rivera-Lugo
13 Jan 2026

O Concello de Lugo informou de que os días 14, 15 e 16 de xaneiro de 2026 levaranse a cabo traballos de comprobación do estado dos servizos de saneamento na rúa Fermín Rivera. Trátase de actuacións previas á execución das obras de mellora integral que se desenvolverán ao longo deste ano ao abeiro do convenio subscrito coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Estas intervencións iniciais consistirán en tarefas de inspección e limpeza dos colectores de saneamento, co obxectivo de avaliar o seu estado actual e permitir unha planificación técnica rigorosa das actuacións posteriores. Segundo explicou o rexedor, a finalidade é contar cun diagnóstico exhaustivo antes de iniciar o proceso de modernización integral desta contorna, de maneira que, unha vez comezados os traballos, estes se poidan executar de forma áxil e coa planificación necesaria, destacando ademais a dimensión transformadora do proxecto previsto para este espazo.

Como consecuencia destes traballos, elaborouse un plan de tráfico destinado a preservar tanto a seguridade do persoal operario como a das persoas usuarias da zona afectada. As actuacións abranguerán toda a rúa Fermín Rivera, no tramo comprendido entre a Ponte Romana, na estrada vella de Santiago, e a pasarela de San Lázaro.

Debido ás necesidades técnicas da inspección e limpeza dos colectores, quedará prohibido o estacionamento en toda a rúa durante os días sinalados. A brigada municipal de sinalización colocará en ambas marxes da vía, no sentido da circulación, os correspondentes valos coa sinal R-307, de prohibición de parada e estacionamento, ademais da sinalización informativa necesaria.

A medida que vaian rematando os traballos nos distintos treitos da rúa, permitirase de maneira progresiva o estacionamento habitual, procedendo a empresa executora á retirada dos valos e da sinalización provisional nas zonas xa liberadas.

Desde o Concello de Lugo agradecen a colaboración da veciñanza e das persoas usuarias da vía e lembran que estas actuacións se enmarcan nun proceso planificado de mellora do entorno urbano e fluvial da rúa Fermín Rivera, que permitirá avanzar nunha intervención de maior alcance ao longo deste ano.

0.13455009460449