O Concello de Lugo recepcionará o aparcadoiro da avenida Breogán tras corrixirse as deficiencias detectadas

LugoXa
A infraestrutura, con máis dun ano de atraso, incorporarase á rede municipal de estacionamento disuasorio tras as actuacións executadas pola Xunta
alcalde-de-Lugo-aparcadoiro-da-Avenida-de-Breogán
27 Feb 2026

O Concello de Lugo formalizará nos vindeiros días a recepción do aparcadoiro da avenida de Avenida de Breogán unha vez que a Xunta de Galicia emendou as eivas sinaladas polos servizos técnicos municipais no proceso de revisión previo á súa apertura. A dotación acumulaba máis dun ano de demora debido a problemas na execución que impedían a súa incorporación ao patrimonio municipal ao non cumprir as condicións mínimas esixibles para a súa posta en funcionamento.

Esta situación obrigou a alongar o procedemento administrativo ata garantir que as instalacións se atopasen en correcto estado, nunha zona da cidade con alta demanda de prazas de estacionamento. Entre as intervencións levadas a cabo pola administración autonómica inclúese a limpeza integral do colector DN800 existente na área, así como tarefas adicionais de mantemento e unha nova inspección mediante videocámara, para a que foi preciso obturar e desviar temporalmente o fluxo co fin de comprobar o estado da condución.

Do mesmo xeito, acometéronse melloras nas zonas verdes, con traballos de roza e sega, achega e nivelación de terra vexetal, sementeira nas superficies sen céspede, abonado e plantación de novas árbores e arbustos, ademais doutras actuacións de limpeza e axustes complementarios executados nos últimos meses.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, salientou que o Concello actuou “con rigor e responsabilidade” e que non estaba disposto a asumir unha obra que presentaba deficiencias de relevancia. Segundo explicou, os informes técnicos municipais acreditaron que o aparcadoiro non reunía inicialmente os requisitos necesarios, polo que se esixiu á Xunta a execución das correccións oportunas.

O rexedor engadiu que a prioridade do Goberno local foi “defender o interese da veciñanza e garantir que as infraestruturas que se incorporan ao patrimonio municipal cumpren cos estándares mínimos de calidade e funcionamento”. Con todo, precisou que o resultado final non coincide plenamente co proxecto anunciado, xa que carece das prazas para carga de vehículos eléctricos e do sistema de vixilancia previsto inicialmente, aínda que considera que a súa apertura non pode demorarse máis.

Unha vez completados os trámites administrativos, o Concello integrará o aparcadoiro na rede municipal de estacionamentos disuasorios, co obxectivo de mellorar a mobilidade urbana e ofrecer novas alternativas tanto ás persoas residentes como ás usuarias dos equipamentos e servizos situados na contorna.

0.12021613121033