O Concello de Lugo recibe a Héctor Salvador tras ser distinguido coa Gran Cruz ao Mérito Naval

LugoXa
O Concello impulsará un ciclo de charlas en centros educativos inaugurado polo explorador lucense para achegar ao alumnado novos referentes profesionais
Recepción-Fosas-Marianas-Héctor-Salvador-Lugo
11 May 2026

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, xunto con outros membros da Corporación municipal, entre eles o concelleiro de Turismo, Agustín Gallego, e os edís do PSOE Miguel Fernández e Ana Abelleira, recibiron na Casa do Concello ao lucense Héctor Salvador, que recentemente foi distinguido coa Gran Cruz ao Mérito Naval con distintivo branco, un dos máximos recoñecementos concedidos pola Armada Española.

Durante o encontro, a rexedora felicitou a Héctor Salvador pola súa traxectoria profesional no ámbito da exploración mariña e polo prestixio internacional acadado grazas ao seu labor como piloto de somerxibles e integrante de expedicións científicas de relevancia mundial.

Ademais, Elena Candia avanzou que o Concello porá en marcha un ciclo de charlas en institutos de Educación Secundaria e centros de Formación Profesional baixo o título “Novos camiños profesionais”, unha iniciativa que será inaugurada polo propio Héctor Salvador.

O obxectivo deste programa será achegar ao alumnado referentes vinculados a profesións e ámbitos pouco habituais, contribuíndo así a ampliar os horizontes formativos e laborais da mocidade lucense.

Héctor Salvador converteuse no primeiro español en descender á Fosa das Marianas, o punto máis profundo do planeta, formando parte dun proxecto internacional no que se desenvolveu tecnoloxía pioneira capaz de acceder de maneira repetida ás grandes profundidades mariñas.

A Gran Cruz ao Mérito Naval recoñece tamén a colaboración altruísta prestada á Armada Española, á que achegou a súa experiencia e os seus coñecementos técnicos no ámbito da exploración submarina.

A alcaldesa destacou “o orgullo que supón para Lugo contar cun referente internacional como Héctor Salvador, que leva o nome da nosa cidade por todo o mundo a través do talento, da innovación e do compromiso”.

0.11793088912964