O Concello de Lugo reclama á Xunta o Plan Director da Muralla

O Goberno local do Concello de Lugo solicitou formalmente á Xunta de Galicia a remisión do Plan Director da Muralla, o documento encargado de vertebrar a conservación, xestión e futuro do principal símbolo patrimonial da cidade.
Desde o Executivo municipal lamentan que un documento de tanta relevancia para o ben máis identitario de Lugo non fose trasladado en ningún momento ao Concello, nin a nivel institucional nin técnico, a pesar de que a administración local é a máis próxima á realidade diaria da cidade e da contorna do monumento.
Por iso, consideran necesario traballar de xeito coordinado entre administracións ou, cando menos, contar cunha canle de comunicación fluída polo ben da cidade, da veciñanza e da propia Muralla.
A Muralla romana de Lugo, declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO, constitúe non só un elemento esencial da identidade histórica e cultural da cidade, senón tamén un dos principais motores de proxección turística e dinamización social e económica do municipio. Por este motivo, o Goberno local considera fundamental que calquera planificación sobre o seu futuro conte con consenso social.
A portavoz municipal, Ana González Abelleira, destacou que “resulta chamativo que un documento chamado a definir o futuro dun patrimonio mundial tan relevante para Lugo non teña sido remitido ao Concello nin sequera a nivel técnico”. Engadiu que esta situación “evidencia unha falta do máis mínimo rigor institucional e de respecto cara á administración local e cara á propia cidade e á súa veciñanza”.
Abelleira subliñou tamén a importancia de avanzar en fórmulas estables de colaboración entre administracións, como o consorcio para o centro histórico proposto polo alcalde Miguel Fernández e no que xa traballa o Concello. “Un órgano deste tipo permitiría articular un espazo de traballo permanente no que sumar o impulso de todas as administracións e tamén da propia sociedade lucense para desenvolver todo o potencial do noso casco histórico”, explicou.
A portavoz destacou que “o casco histórico e a Muralla forman unha realidade patrimonial inseparable. Se queremos protexer, dinamizar e poñer en valor este conxunto único, precisamos instrumentos de coordinación que permitan planificar actuacións conxuntas e aproveitar ao máximo as oportunidades que ofrece este patrimonio”.