O Concello de Lugo reclamará á Xunta que de uso ao antigo edificio de ASPNAIS

LugoXa
O concelleiro do BNG Alexandre Penas defendeu no pleno unha proposición para que a Xunta de Galicia poña en funcionamento o antigo edificio de ASPNAIS, localizado na Rampla de Claudio López.
2 abr 2024

O concelleiro do BNG Alexandre Penas defendeu no pleno unha proposición para que a Xunta de Galicia poña en funcionamento o antigo edificio de ASPNAIS, localizado na Rampla de Claudio López. Para Penas o estado deste edificio “é un exemplo da relación da Xunta con Lugo, o abandono total tanto da cidade como destas instalacións que están chamadas a ter un importante peso na prestación de servizos sociosanitarios". A proposta foi aprobada co apoio unánime da corporación municipal.

ASPNAIS trasladou a súa sede no ano 2020, deixando este edificio sen actividades. O edificio, titularidade da Xunta de Galiza, actualmente atópase baleiro, deteriorándose debido á ausencia de actividade. Nos últimos 4 anos, a Xunta anunciou varios proxectos para executar nestas instalacións, dende albergar unha residencia para a terceira idade ata a cesión a colectivos sociais. "Pasaron xa 4 anos e vemos como a Xunta só fixo anuncios, pero ningunha destas propostas se volveu realidade", afirmou Arroxo, que engadiu "Lugo e a súa contorna teñen unha gran necesidade de servizos sociosanitarios públicos, e a Xunta ten abandonada unha instalación que podería acollelos".

O 17 de novembro de 2020, a Xunta anunciou unha unha cesión dese edificio a AFALU (Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas de Lugo) e ALUME (Asociación Lucense pola recuperación e a integración das persoas con trastornos mentais), onde se aseguraba que con esta cesión se crearía unha residencia asistencial e un centro de día para persoas con alzhéimer, ademais dun centro de rehabilitación psicosocial e laboral, unha unidade de atención temperá, outra para a atención de trastornos de personalidade e un obradoiro de xardinería.